
O FIC Vía XIV presenta a programación completa da súa décima edición, que se celebrará do 26 ao 31 de outubro en Verín cunha proposta que vai máis alá das proxeccións cinematográficas para achegar o cinema a públicos de diferentes idades e contextos. O festival combina as seccións oficiais a concurso con actividades educativas en colaboración cos centros escolares da vila, iniciativas de accesibilidade, música en directo e encontros arredor da sétima arte. Unha programación que conecta a exhibición cinematográfica co traballo cultural no territorio e coa creación de espazos para descubrir, compartir e reflexionar arredor do cinema.
O martes 27 de outubro, ás 11.00 horas, o Auditorio Municipal de Verín acollerá Noticia Invisible, unha actividade da narradora Raquel Queizás patrocinada por Gadis que combina narración oral, monicreques e fragmentos do cinema mudo para achegar os nenos e nenas á desinformación e á importancia de desenvolver unha mirada crítica ante o que aparece nas pantallas. A través das aventuras da reporteira Lupa e de películas de Buster Keaton e Charles Chaplin, a sesión convida a identificar noticias falsas e pensar con criterio propio. Realizada en colaboración cos colexios da vila, prevé reunir máis de 300 escolares e conecta co lema desta edición, «A verdade nunca foi tan fráxil».
O mércores 28 de outubro, pola mañá no Auditorio Municipal, celebrarase Aula XIV. Descubre o festival, vive o cinema, unha actividade destinada ao alumnado de bacharelato que reunirá máis de 100 escolares. A sesión inclúe unha selección de curtametraxes que propón unha reflexión sobre a posverdade e a desinformación. Completarase cunha charla do equipo do FIC Vía XIV para presentar o proxecto e explicar como se organiza un festival destas características. A proposta ofrece así unha oportunidade para coñecer o traballo que hai detrás dun encontro cinematográfico e entender o cinema como un espazo de diálogo e pensamento crítico.
A música e o cinema, da pantalla ao escenario
A programación paralela continuará o xoves 29 de outubro ás 20.30 horas co concerto FIC Vía XIV Film Symphony, a cargo da Banda de Música de Verín en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Verín. A proposta convida a percorrer algunhas das bandas sonoras que forman parte da memoria colectiva do cinema, con temas de películas como Ghost, Coco, Cinema Paradiso, Titanic, Encanto e Barbie, ademais de pezas como a Coronel Bogey March, a música de A Bela Durminte e a banda sonora de O bo, o feo e o malo, de Ennio Morricone. O concerto reivindica a capacidade da música para evocar escenas e personaxes inesquecibles e pon en valor o talento musical local a través dun repertorio que percorre diferentes xéneros e xeracións.
O venres 30 de outubro pola mañá será a quenda de Olladas compartidas, unha sesión de cinema inclusivo que incorpora medidas de accesibilidade para facilitar o acceso e o desfrute das proxeccións a persoas con diferentes necesidades. A iniciativa busca favorecer unha experiencia compartida nun ambiente acolledor e reforza a aposta do FIC Vía XIV por un cinema aberto a distintas formas de vivir e interpretar as historias.
O sábado 31 de outubro, ás 17.00 horas, o Salón de Actos da Casa da Cultura acollerá un cinefórum organizado en colaboración co Cineclub Ordet. A sesión estará dedicada a dúas creadoras singulares da historia do cinema: a cineasta estadounidense de orixe ucraína Maya Deren, autora da curtametraxe experimental Un falso espertar (Meshes of the Afternoon, Estados Unidos, 1943), e a poeta e cineasta iraniana Forugh Farrokhzad, directora do documental A casa é negra (Khaneh siah ast, Irán, 1963).
Coordinado por Manuel Ayán e Daniel Dapía, o Cineclub Ordet naceu en 2025 ao abeiro do FIC Vía XIV e deu continuidade aos máis de sete anos de actividade do Cineclub Nosferatu na comarca de Verín. A súa proposta busca preservar a memoria do cinema clásico e favorecer o redescubrimento de cinematografías e cineastas, facendo da proxección e do diálogo unha oportunidade para compartir interpretacións e ampliar as formas de mirar as películas.
A xornada do sábado rematará ás 20.30 horas no Auditorio Municipal coa gala final do FIC Vía XIV. O encontro servirá para dar a coñecer as obras gañadoras e pechar seis días de proxeccións e actividades arredor da curtametraxe. No ano do seu décimo aniversario, a gala quere ser tamén unha celebración compartida coa veciñanza e unha ocasión para lembrar o percorrido do festival e o seu vínculo coa vida cultural de Verín.
A programación completarase coa mesa redonda Verín-Chaves: un horizonte de cinema, un encontro que abordará a relación entre ambos os territorios e as posibilidades de colaboración arredor do cinema transfronteirizo. A data de celebración está pendente de confirmación.
O cinema contemporáneo, eixo da programación
Xunto a estas actividades, o FIC Vía XIV celebrará a súa décima edición cunha programación audiovisual formada por 33 curtametraxes procedentes de máis de vinte países. A selección articúlase en dúas seccións oficiais a concurso, Nova e A Raia, que reúnen 25 obras, e unha sección paralela, Horizontes, con outras oito propostas.
A sección Nova conta con 16 curtametraxes que percorren diferentes formas de abordar o presente a través da ficción, o documental e a animación. Pola súa banda, A Raia reúne nove obras vinculadas principalmente ao espazo galego-portugués, en consonancia coa vontade do festival de conectar creacións de ambos os lados da fronteira. Horizontes amplía a diversidade de linguaxes da programación con propostas de ficción, animación, documental, ensaio audiovisual e vídeo collage. As entradas poderán conseguirse no Auditorio, antes de cada sesión, a un prezo solidario de 3 euros.
Baixo o lema «A verdade nunca foi tan fráxil», a selección propón unha reflexión sobre a desinformación e o ruído dixital, con obras que abordan cuestións sociais, políticas e ambientais do presente. As seccións oficiais competirán polos premios do xurado á mellor curtametraxe de Nova e A Raia, dotados con 1.000 euros e trofeo cada un, mentres que o Premio Especial do Público contará cunha dotación de 600 euros e trofeo.
Con esta programación, o FIC Vía XIV, organizado pola asociación Vía XIV co patrocinio do concello de Verín, conmemora dez anos de actividade en Verín combinando a exhibición de cinema contemporáneo con propostas educativas, accesibles e participativas que amplían a relación do festival coa veciñanza e co tecido cultural da comarca.