
O OUFF · Ourense Film Festival volve reservar un espazo propio para as historias, as miradas e os creadores vinculados á provincia coa presentación da programación de Made in OU, a sección dedicada ao cinema con carácter ourensán. Lonxe de funcionar unicamente como escaparate da produción local, Made in OU propón nesta 31ª edición un percorrido por diferentes xeracións, xéneros e formas de entender o audiovisual, onde a ficción, o documental, a memoria, a identidade, a tradición e o cine de acción conviven nunha selección plural e vibrante.
Todas as sesións desta edición celebraranse no Cineclube Padre Feijóo, reforzando o vínculo do festival cun dos espazos históricos de exhibición e cultura cinematográfica da cidade. A sección estará coordinada e presentada, por segundo ano consecutivo, polo cineasta ourensán Rubén Méndez, quen acompañará os pases e os encontros entre as obras, o público e os seus creadores.
Catro xornadas e dez miradas ao talento ourensán
A programación estenderase durante catro xornadas consecutivas, do martes 29 de setembro ao venres 2 de outubro, artelladas en catro bloques temáticos:
O martes 29 de setembro inaugurará a sección a longametraxe documental Todo pode esperar, dirixida por Borja Casal e protagonizada por César Morán. A obra —recoñecida co I Premio José Gil ao Mellor Guión Documental da Deputación da Coruña e programada pola Filmoteca de Galicia— afonda na vocación, o paso do tempo e as segundas oportunidades a través da historia duns soños musicais que agardaron cincuenta anos para facerse realidade.
O mércores 30 de setembro estará dedicado á memoria e ao territorio con tres propostas documentais: Ferrín Arraiano, onde Aser Álvarez se achega á figura de Xosé Luís Méndez Ferrín e á raia seca; Mulleres en Parada de Sil, dirixido por Sabela Rodríguez, que constrúe un retrato interxeracional da comunidade rural a través das súas mulleres; e Cando o vento arde, de Alfonso Arturo Álvarez, un testemuño urxente gravado con teléfono móbil durante os incendios na Estación de Montaña de Manzaneda.
O xoves 1 de outubro a tradición e a identidade dialogarán con diferentes linguaxes cinematográficas. A xornada abrirase co thriller O Felo, de Suso Costa, que transforma unha das figuras máis recoñecíbeis do Entroido de Maceda nunha historia de suspense; continuará con As mans da pulpeira, de Silvia Cachafeiro, unha homenaxe ao traballo e á solidariedade feminina na Galicia dos anos cincuenta rodada no Carballiño; e pecharase con El silencio de Allen Robert Angelo, de Marzo Lozano, un retrato contemplativo sobre un home que escolle vivir illado nas montañas galegas.
O venres 2 de outubro Made in OU despedirase coa ficción máis enérxica. A sesión inclúe Dopamina Zero, de Rodrigo Marini, protagonizado por Juan José Ballesta, Veki Velilla e Cristina Mediero e rodado en O Barco de Valdeorras; a comedia criminal Dos Gardenias, de Juan Hervella-Rego, onde dúas anciás declaran a guerra a un cártel mafioso; e Robó y ganó, de Aldán Michinel, un peche irreverente de código criminal ao máis puro estilo “Breaking Bad á galega”.
Con esta selección, Made in OU demostra que o cinema vinculado á provincia é tan diverso coma o propio territorio, confirmando que falar de audiovisual feito desde Ourense xa non significa contar un único tipo de historias, senón amosar a capacidade de xerar múltiples miradas cara ao mundo.