
“Moi boas noites amigos, veciños de Vilariño/ vimos hoxe os dos Labregos/ botar con vós un ratiño./ Dicía a xente maior que ao chegar o San Antón/ xa se podía empezar as rondas co fulión./ Así que empezamos hoxe, e non hai sitio mellor para arrancar o fulión“. Deste xeito comezaba o permiso en verso que solicitaba Ángel, en nome do Folión Os Labregos de Trives na primeira da súas saídas neste Entroido, realizada a Vilariño de Conso. Tiña lugar na fría tarde do 17 de xaneiro.
Nesta localidade eran recibidos polos membros do Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso, que, tamén en verso, agradecían a visita e concedíanlles o permiso para tocar. “Amigos e veciños/ sede ben recibidos neste pobo de Vilariño./ Xa son moitos anos desta bonita unión/ disfrutamos moito da vosa tradición./ O permiso xa o tedes/ antes de poñer un pé fóra da casa/ para neste pobo tocar/ para beber un pouco de viño que poidades necesitar“, dicía Marcos en representación de Vilariño.


Soaban entón os cintos de chocas e espertaban os bombos nunha intensa ronda que rachaba as xélidas temperaturas do serán, nunha ronda na que non faltaban os saltos dos Boteiros. Ao folión visitantes tamén se sumaban veciños de Vilariño de Conso.
A primeiros de febreiro a Asociación Xuntos polo Fulión devolveralles a visita tocando en Trives.
Fotos e vídeos cedidos.