
O Ourense Film Festival (OUFF) presentou o seu cartel oficial para a próxima edición, que será entre o 27 de septembro e o 6 de outubro de 2024. O fotógrafo ourensán Manuel Outumuro, un dos nomes de referencia da fotografía contemporánea, asina a peza, na que recupera unha imaxe do seu arquivo “na que a modelo Carla Crombie interpreta a Rachel, heroína de Blande Runner”, explicou Outumuro.
O fotógrafo resume neste cartaz dúas das súas facetas como artista, a primeira en relación ao mundo da moda -que o levou a traballar en obras como o catálogo do Museo Balenciaga- e a súa relación co mundo do cinema, no que retratou a actores e directores do cinema español.
“É unha honra contar coa colaboración e a implicación dun fotógrafo do prestixio de Manuel Outumuro para promocionar o OUFF cunha imaxe súa e compre lembrar que o festival aposta polos artistas ourensáns, ou afincados na provincia”, lembrou o director do OUFF Miguel Anxo Fernández. Outumuro súmase á listaxe de outros creadores da cidade ou vencellados a ela que asinaron este cartel como David Rubín, Isabell Seidel ou Mon Devane, entre outros. Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, destacou durante a presentación do cartel que é “unha honra contar cun creador da proxección internacional de Manuel Outumuro para asinar o cartel que vai servir para promocionar o OUFF”. Menor puxo en valor a “extraordinaria colaboración” entre o artista e a Deputación de cara á exposición que se poderá ver a partir de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá a mostra de imaxes do fotógrafo, que se complementará con outra en A Merca. O fotógrafo recibiu o Premio Ourensanía en 2022, que é cando xorde a idea de crear esta mostra, vencellada tanto ao traballo profesional do artistas como ás súas memorias persoais na súa localidade natal, A Merca. Deste xeito, a mostra de Ourense completarase cunha exposición ao aire libre de fotografías en gran formato en A Merca, cunha ollada única do artista sobre a súa localidade natal.
Manuel Outumuro é un dos fotógrafos de maior proxección nacional e internacional, destacando a súa traxectoria no mundo da moda así como os retratos de diferentes personalidades. Naceu en A Merca e estudou en Ourense ata que a súa familia emigra a Cataluña, onde en 1990 comeza a súa carreira. Conta con exposicións e recoñecemento en todo o mundo, como o premio Lucie en 2022 -coñecido como o Oscar da fotografía-.
O OUFF está organizado pola Fundación Carlos Velo co patrocinio principal da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.