
A sala de espera das consultas de Oncoloxía do Hospital Universitario de Ourense, na primeira planta do Santa María Nai, é desde agora un espazo aberto ao mar, grazas a mirada do fotógrafo ourensán Santiago Barreiro, autor dunha exposición que busca capturar a esencia do mar, non só como paisaxe, senón como protagonista activo, que cambia, evoluciona e se reinventa, como o ser humano.
A exposición está formada por seis obras, impresas en gran formato e doadas polo seu autor, que escolleu imaxes que reflicten a tonalidade emocional que a mirada ao mar proporciona ao ser humano, desde a calma á tormenta, sobre o que o autor establece un pararelismo cos sentimentos. “O mar é símbolo do descoñecido e do sublime, reflicte a calma e a tormenta interna que todos levamos dentro”, explica o artista.

Recoñecida traxectoria
Nado en Ourense en 1950 é fotógrafo profesional desde o ano 1975, retratando ao longo dos últimos 50 anos algúns dos reconchos e momentos máis icónicos de Ourense e Galicia, ademais de outros moitos lugares, dos que deixou constancia en numerosas exposicións individuais e colectivas tanto en Galicia como en Inglaterra, Francia, Italia e Portugal, en paralelo coa súa actividade laboral diaria en campos da publicidade, moda, industrial e social.
A súa experiencia compártea con cursos, charlas, e talleres profesionais. Sendo autor ademáis de varios libros fotográficos. Traballa na actualidade na edición de tres libros sobre Jazz; a auga e o viño. Barreiros é membro colaborador da “Asociación Cultural Black&chain Comunity” incubadora cultural, tecnolóxica e social coa que a Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras asinou este ano un convenio de colaboración, no que se enmarca esta exposición permanente.
Fotos cedidas.