O telúrico son do fulión esperta xa nas terras de Manzaneda. A corna, seguida do son das chocas das Mázcaras e do trepidante toque de bombos, gadañas e aixadas do Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda), escoitábase por primeira vez neste 2025 na noite do 31 de xaneiro na visita que facía á aldea de Palleirós.
O ritual comezaba coa preceptiva petición de permiso en verso por parte do fulión visitante, que era recibido por Mázcaras e veciños de Raigada á entrada da localidade. “Boas noites para todos/ veciños e acompañantes/ debemos ter ganas de festa/ que xa empezamos un día antes” (…) “E se nos dades o permiso/ e sen máis dilación/ que toque esa corna/ que xa é tempo de fulión“.
Petición á que, tamén en verso, respostaba de maneira afirmativa á veciñanza de Palleirós. “…A tocar, dádelle ben forte a eses bombos/ que na serra quérennos escoitar“. Nese intre, o fulión cobraba vida, nunha longa ronda interrompida en certos puntos para repoñer forzas.
Momento no que a veciñanza da aldea sacaba bebidas, doces e outros alimentos para agasallar aos visitantes. Arranca así o Entroido tradicional nas terras de Manzaneda.
Fotos e vídeos: O SIL.