O trepidante son do fulión esperta xa nas terras de Manzaneda. A corna, seguida do son das chocas das Mázcaras e do trepidante toque de bombos, gadañas e aixadas do Fulión da Mourela p’acá (Manzaneda), escoitábase por primeira vez neste 2026 na noite do 17 de xaneiro na visita que facía á aldea de Cernado.
Nunha noite xélida, os represantes do fulión pedían o permiso en verso á veciñanza da aldea visitada e, seguidamente, tras a súa concesión, comezaba a danza das Mázcaras e o toque de bombos, aixadas e gadañas nunha ronda pola localidade, con certas paradas para repoñer forzas e beber un grolo de viño.
Esta visita permitía ademais que algúns nenos vivisen por vez primeira este ritual de visitas. A ronda remataba cunha cea na antiga escola coa que os anfitrións agasallaban aos membros do fulión. Arranca así o Entroido tradicional nas terras de Manzaneda, que neste 2026 está declarado como Festa de Interese Turístico Nacional.
Fotos e vídeos: O SIL.


