A ronda do Fulión da Mourela p’acá desenvolvíase na pasada fin de semana en Trabazos (Manzaneda). Na noitiña do 8 de febreiro e retando a chuvia, as Mázcaras e o potente son do fulión, co bater de bombos, aixadas, gadañas e cornas; enchía do espírito do Entroido esta aldea.
O ritual comezaba, como manda a tradición, na entrada da aldea, onde o fulión visitante solicitaba en verso permiso para poder tocar.: “Pasastes moitos anos sen el,/ agora xa somos poucos,/pero volverémolo recuperar,/tirando uns dos outros./ Que suba esa corna ao aire,/ as pieles a vibrar,/ se nos dades o permiso/ arrancamos a tocar“.
A resposta da veciñanza de Trabazos, non se facía esperar. “Como nesta tempada que tocades/ en Trabazos é o primeiro día,/ tedes que perdonar/, pero imosvos facer unha guía”, comeza dicindo unha das Mázcaras. Deseguidos os veciños, explicábanlle aos visitantes o percorrido a seguir na ronda, coas conseguintes paradas nas casas.
Finalmente, daban oficialmente a licenza para que puideran tocar: “A visita esta guiada/ e o permiso xa o tedes,/ se non empezades a tocar/ é porque non queredes“.
Poñíase en marcha entón o fulión nun percorrido que se vía interrompido pola chuvia. Tras unha paréntese na que Trabazos convidaba aos visitantes a unha cea, volvía cobrar vida o fulión que percorría a aldea ata a medianoite.
Fotos e vídeos: O SIL

