O ritual de intercambios entre as aldeas de Castiñeira e Mormentelos (Vilariño de Conso) mantense vivo. Na noite do venres, 28 de febreiro, o pobo de Castiñeira, precedido polos seus Boteiros, solicitaba o preceptivo permiso en verso para poder dar unha ronda por Mormentelos, que llo concedía tamén, cuns fermosos versos nos que se plasmaba a amizade e a tradición que une de antigo a ambas localidades.


Deseguido, o fulión de Castiñeira cobrababa vida nunha longa ronda, con paradas para descansar, beber un grolo e comer algo, á que ían abrindo paso os Boteiros coas súas carreiras e característicos saltos. Unha vez completada, o pobo de Mormentelos agasallaba cunha deliciosa cea aos visitantes.



No seu decurso non faltaban tampouco os versos e os brindes entre a mocidade dunha e outra aldea, tamén o sentido recordario para aqueles habituais que este ano xa non están, entre eles Pepito e Miguel. Ademais, Castiñeira convidaba a Mormentelos a visitar a súa aldea no vindeiro Entroido e, antes, a asistir á súa festa.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: O SIL.