En portadaÚltima horaVídeos

O futuro sostible dos montes, eixo da xornada que se celebrará en Manzaneda o 20 e o 21 de xuño

Esta iniciativa enmárcase nos actos da "Capitalidade de Montaña 2024" que ostenta este municipio xunto aos de Trives, Chandrexa de Queixa e San Xoán de Río

 

Manzaneda acollerá os días 20 e 21 de xuño a xornada “Creando un futuro sostible para os nosos montes”, dentro da Capitalidade de Montaña que ostenta neste 2024 o Macizo Central Ourensán. O seu programa presentábase na Deputación de Ourense, nun acto que contaba coa prsenza do deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, así como do alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, e dos rexedores de Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, Francisco Rodríguez, Patricia Domínguez e Xosé Miguel Pérez.

Con motivo deste recoñecemento da “Capitalidade de Montaña de España”, que ostentan durante o 2024 estes municipios ourensáns, aprobado por unanimidade pola Comisión Executiva da Asociación EsMontañas, celebraranse unha serie de eventos que servirán para propoñer, a nivel rexional e nacional, análises, debates e reflexións sobre a realidade socioeconómica á que se enfrontan os territorios de montaña no seu día a día.

Tras a celebración das primeiras xornadas no pasado mes de abril en Chandrexa de Queixa, agora é a quenda para Manzaneda que acollerá este simposio sobre a xestión medioambiental e os casos de éxito de emprendemento, concretamente no que atinxe á creación dun futuro sostible para os nosos montes. Neste sentido, Rosendo Fernández destacou o “compromiso firme” que amosou a Deputación con todo o que supón este recoñecemento, “conscientes do impacto positivo que suporá para estes territorios, tanto no que atinxe a súa proxección como polas actividades divulgativas e de análise que, como a que presentamos hoxe, acollerán ao longo do ano”.

 

Oportunidades para os municipios

O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, quixo agradecer o respaldo da Deputación de Ourense, “a alma mater desta iniciativa, sen cuxo apoio non teríamos esta oportunidade”, facendo ademais mención ao Inorde, e explicou polo miúdo o programa previsto para estas xornadas, que se desenvolverán os días 20 e 21 de xuño e abordarán, entre outros asuntos, as compensacións por servizos medioambientais a importancia da gandería extensiva na prevención de incendios, os novos modelos de xestión forestal, a xestión e administración local en materia medioambiental e o emprendemento dos pobos de montaña.

 

 

“Queremos amosar os retos que supón emprender nun pobo de montaña, o esforzo dos pequenos emprendedores que se arman de valor e crean unha emprea. No caso de Manzaneda, un municipio duns 800 habitantes, contamos con media ducia de industrias artesás”, dicía Amable Fernández, destacando así mesmo que esta xornada supón unha oportunidade para dar a coñecer os recursos turísticos deste concello, coa súa fermosa vila medieval, entre outros elementos de interese. Ademais fixo extensible a invitación para acudir a estas xornadas “a todos os que queiran compartir experiencias de vida no noso rural, que nos enriquecerán sen dúbida”.

Pola súa banda, a alcaldesa da Pobra de Trives, Patricia Domínguez, lembrou a importancia de que estas actividades sirvan para atraer visitantes aos municipios “Capitalidade de Montaña”, e lembrou que precisamente hai escasos días reivindicaron no Senado “unha lexislacion que discrimine positivamente ao noso rural de montaña, tal e como abordaremos tamén en setembro no congreso que temos previsto de EsMontañas en Trives”.

O alcalde de San Xoán de Río, Xosé Miguel Pérez Blecua, reivindicou esta capitalidade “porque somos o altofalante de todos os pobos de montaña de España” e confía en que este recoñecemento sirva tamén para impulsar a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. E aproveitou para convidar a todos os que asistan ás xornadas de Manzaneda a que queden a fin de semana “e poidan celebrar o San Xoán en San Xoán”.

Tamén incidiu na oportunidade de atraer visitantes ás zonas de montaña o alcalde de Chandrexa de Queixa, Francisco Rodríguez, apuntando que a fin de semana destas xornadas alberga tamén a Copa Trail de Chandrexa, e puxo en valor a importancia que supón para o municipio este recoñecemento, que se une a outras accións promocionais como a campaña patrocinada por Iberdrola titulada “Vente a vivir a un pueblo”.

Back to top button