O Aguillón da Rúa deste 4 de xaneiro comezaba a encherse de corredores e de público a partir das 10h. Este entorno convertíase en circuíto do Campionato galego de campo a través, tanto individual como por equipos, nas categorías Sub16, Sub18, Sub20, Sub23 e absolutas, tanto masculinas como femininas. Tratábase dunha das grandes citas invernais da competición galega e nela participaban uns 435 atletas de diferentes clubs, entre eles o Club Adas Cupa do Barco.

A saída da primeira das carreiras, a Sub16 feminina, dábase ás 10:45h. Despois viñan a Sub16 masculina, a Sub-18-20 feminina, a Sub18-20 masculina, e xa ás 12:43h. era a quenda das atletas Sub23 e absolutas. O galego concluía coa proba absoluta e Sub23 masculina, cuns 82 participantes.

O Adas competía en diversas categorías, sendo o seu mellor resultado a prata do equipo feminino absoluto, mentres que o masculino absoluto quedaba cuarto. Ademais o conxunto valdeorrés Sub18 masculino (formado por Lucas Valcarce, Víctor Delgado, Antón Castaño, Martín Rey e Saúl Crespo) era quinto e o Sub16 masculino (integrado por Mateo Valcarce, José Hervella, Eloy Fernández, Xoel Pungín e Marcos Basalo), quedaba noveno.

A comperición era seguida a pé de pista polo presidente da Federación Galega de Atletismo (FGA), Iván Sanmartín, así como polo concelleiro de Deportes, Avelino Fernández, que ademais ían facendo entrega dos premios.
A nivel individual, Itziar Manso do Ourense Atletismo e Antonio Serrat do Real Club Celta, proclamábanse campións galegos absolutos na edición de campo a través organizada polo Concello de A Rúa e Federación Galega.
A gañadora lograba o seu primeiro título autonómico logo de invertir un rexistro de 31:41 sobre os 8.600 m. dos que estaba composto o circuito. Xunto ela entraban a seis sgundos Sara Castillo do Atletismo Corredoiras ocupando o terceiro lugar a internacional Sandra Mosquera do Comesaña Sporting Club a doce segundos.
Na categoría masculina o principal favorito Antonio Serrat, quixo comezar este 2025 da mellor maneira posible, sumando o seu terceiro campionato logo dos logrados nos anos 2019 e 2022. O triatleta olímpico en París-24 quitaba catro segundos a un Ero Doce do Atletismo Narón quen conquistaba o subcampionato galego nunha boa carreira, ocupando David de la Fuente do C.D. Pinarium o terceiro lugar a dez segundos do gañador.
Por equipos nesta categoría absoluta, triunfos dun reforzado Atletismo Narón en homes e da Gimnástica de Pontevedra en mulleres quenes estiveron acompañados por Pinarium e Ría de Foz así como de Adas Cupa e Ourense Atletismo.
Seguindo co resto de categorías, cómodos triunfos tanto para a Gimnástica Carmen González como para Jarno Pousada do Ría Foz na categoría Sub23, os cales foron capaces de rematar con algo máis de vinte segundos de diferencia sobre os segundos clasificados. Por equipos, o Atletismo Narón sumaba o seu segundo título na categoría masculina.

Na categoría Sub20 cabe salientar o domiño da Atlética Lucense ao lograr os títulos tanto no individual da man de Sandra González e Iker Fernández como na de por equipos, impoñéndose de maneira contundemte ao resto de formacións.
O principal favorito Sub18 Alex Sierpes do Vicky Foods arrincaba o ano cun novo título no que asemella pode ser outro excelente ano para o talentoso atleta pontevedrés. Non menos talentosa resultou a actuación da santiaguesa do C.A.O Pino Debris Paniagua, quen precedía a súa irmán nun podio na que por equipos a Gimnastica de Pontevedra voltaba para a cidade do Lérez cos títulos en ambas categorías.
Finalmente, a categoría Sub16 resultaba tremendamente disputada ata o punto de que a gañadora feminina Lucía Ageitos do Club Natación Riveira, chegaba con apenas un segundo de diferencia á linea de meta sobre Carla Rioseco do Ferrol Atletismo. En homes Xoel Franco do Beade, tamén tivo que esforzarse para lograr o campionato que lograba por dous segundos sobre Ismael Rodríguez da Atlética Lucense. Precisamente este mesmo club lograba o campionato en mulleres sendo a formación do Club Atletismo Sada, quen facía o propio na de homes.
Fotos e vídeo: A.R.
