
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-Courel vén de iniciar o proxecto “Territorio Ribeira Sacra-Courel: Comunicando Ruralidade”, unha iniciativa enmarcada no programa Campus Rural do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), desenvolvida en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Esta iniciativa aposta pola incorporación de talento universitario ao medio rural para “impulsar unha estratexia de comunicación audiovisual que contribúa a reforzar a imaxe da Ribeira Sacra-Courel, poñendo en valor os seus recursos naturais, culturais e etnográficos e fortalecendo a identidade compartida do territorio”, tal e como informa esta entidade.
Durante os meses de xullo a setembro participarán neste programa Jaziel Colorado, estudante do Grao en Ciencias da Comunicación da UDC; e Antón Pena, alumno do Grao en Enxeñaría Informática da USC, que desenvolverán actuacións de planificación, produción de contidos e mellora da comunicación dixital do GDR. O equipo complétase con Clara Losada, estudante en prácticas do Grao en Ciencias Económicas. A coordinación do proxecto corre a cargo de Cristina Díaz e Enrique González, técnicos do GDR Ribeira Sacra-Courel, en colaboración co profesorado.
Ademais da mellora da comunicación institucional, o proxecto persegue incrementar o recoñecemento da marca territorial Ribeira Sacra-Courel, fortalecer o sentimento de pertenza entre a poboación e achegar a realidade do medio rural ás novas xeracións a través da participación directa de estudantes universitarios.
O presidente do GDR Ribeira Sacra-Courel, José Manuel Arias López, considera que esta iniciativa representa unha oportunidade para estreitar a relación entre a universidade e o territorio: “Os grupos de desenvolvemento rural debemos abrirnos á xuventude e colaborar coas persoas universitarias para que coñezan de primeira man o potencial do noso territorio. Nas portas do rural hai moita xente no sentido de saída e pouca no sentido de entrada; tentemos abrir portas e crear novas oportunidades para que cada vez máis persoas vexan o rural como un espazo de futuro.”
O proxecto “Territorio Ribeira Sacra-Courel: Comunicando Ruralidade” foi presentado á Xunta Directiva da Asociación para o Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel durante a Asemblea 1/2026, celebrada o pasado 30 de xuño no Concello de Triacastela, onde se informou das actuacións previstas e da súa contribución á estratexia de promoción e dinamización do territorio.
Con esta iniciativa, o GDR Ribeira Sacra-Courel reafirma o seu “compromiso coa innovación, coa comunicación territorial e coa creación de novas alianzas entre institucións, universidade e medio rural para construír unha imaxe máis forte, cohesionada e atractiva da Ribeira Sacra-Courel”.
