
O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Sil-Bibei Navea vén de celebrar unha xunta directiva onde se volveu a elixir, por unanimidade, aos membros da xunta directiva anterior, presidida por Francisco Magide. Ademais, tras a xuntanza anunciábase a convocatoria de presentación de proxectos para optar as axudas Leader. Ditas bases atópanse na web do GDR e tamén no DOG Núm. 82 do 30 de abril de 2025.
Como vén sendo habitual, son subvencionables proxectos produtivos que supoñen a realización dunha actividade económica, así como proxectos non produtivos relacionados co mantemento, recuperación e rehabilitación do patrimonio cultural e natural das poboacións, das paisaxes rurais e de zonas de alto valor natural e proxectos referidos á creación, mellora ampliación de todo tipo de servizos para a poboación rural.
Os proxectos poden ser promovidos por entidades públicas de carácter local ou comarcal: concellos, mancomunidades, consorcios e entidades dependentes das anteriores, así como, por persoas físicas ou xurídicas de carácter privado, incluíndo as comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades.
As axudas poderán chegar ata o 50% dos investimentos, cun máximo de 150.000€, no caso dos proxectos produtivos e, do 90% cun máximo de 75.000€ para os proxectos non produtivos.
A novidade nesta convocatoria é a axuda chamada bono activa rural destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias en zonas rurais, que consiste nunha axuda de 18.000 euros en dúas anualidades a aquelas persoas físicas que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual en que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a cal se solicita a axuda nos últimos tres anos.
Recorda o presidente que este GDR é o “segundo de Galicia que máis dotación ten para a concesión das axudas sendo o montante nesta bianualidade 25-26 de 649.135, 34 euros”. Tamén e efectos de eficacia no traballo, recoméndase que se contacte canto antes co equipo técnico a quen o presidente lles agradece que, como vén sendo habitual, fan un acompañamento dende a primeira proposta ata a execución do proxecto, o que vai moito máis alá do traballo técnico.