CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima horaVídeos

O glaciarismo en Trevinca abre o Festival literario e astronómico Al-Majisti na Veiga

A ponencia inaugural corría a cargo de Valerià Paül, do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela

 

Está en marcha o programa do Festival literario astronómico Al-Majisti 2025, que se desenvolverá ata o vindeiro domingo na Veiga. O acto inaugural, que tiña lugar no Observatorio Astronómico de Trevinca, coa asistencia do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e do alcalde da Veiga, Juan Anta, que estaba acompañado pola secretaria do Concello, Gloria Santamarina.

Pardo destacaba na súa intervención o apoio levado a cabo polo Goberno autonómico para conseguir que Galicia se posicione como destino Starlight, con destinos como A Veiga, un dos primeiros en conseguir a certificación como lugar para gozar da contemplación do ceo.

O delegado territorial agradeceu á organización do festival literario a súa organización e indicou que con estas iniciativas se está a contribuír a avanzar nun modelo turístico sustentable e responsable que combina a observación do ceo nocturno coa divulgación e actividades de lecer relacionadas coa astronomía e o contacto coa natureza, como este festival literario.

 

 

No acto, Manuel Pardo, reflexionou sobre a orixe da astronomía que “xurdiu desde que a humanidade deixou de ser nómade e comezou a ser sedentaria; Despois de formar civilizacións ou comunidades, comezou o seu interese polas estrelas”. “A práctica destas observacións – continuou o delegado territorial- é tan verdadeira e universal que se atoparon por todo o planeta en todas aquelas partes onde viviron os seres humanos. Segue entón que a astronomía é probablemente unha das profesións máis antigas, manifestándose en todas as culturas humanas”.

 

 

“Por iso, -sentenciou Manuel Pardo- non resulta estraño que aquí, no cume de Galicia, xurda este extraordinario festival non só como un proxecto cultural no medio rural que tenta corrixir a comparativa coa oferta lúdica das cidades, senón que se trata, ao meu entender como un espazo de encontro, de relacións e fortalecemento das comunidades e da súa autoestima das que o espectro pedagóxico do mundo urbano debería tomar exemplo”.

 

 

 

Pola súa banda, o alcalde da Veiga presentaba aos ponentes “de primeirísimo nivel” e incidía en que estas xornadas son unha “oportunidade de desfrutar de literatura, de astronomía deste nivel. Reivindicar a literatura no rural é reivindicar eventos como este”. Tamén se refería á presenza de alumnado do IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Tamén aludía ás observacións que se realizarán no marco do encontro. “O ano que vén teremos un eclipse total e imos traballar para que A Veiga sexa un auténtico referente nese eclipse total” e “imos seguir traballando para coidar e reivindicar ese ceo” e “continuar mellorando para que teña maior repercusión este festival. A Veiga ten presente e ten mellor futuro”.

 

 

Deseguido tiña lugar a conferencia inaugural “Paisaxes do glaciarismo: Trevinca colo laboratorio”. A cargo do relator Valerià Paül Carril do Departamento de Xeografía da Universidade Santiago de Compostela. “Un coñecedor profundo de Trevinca e un auténtico referente”, en palabras do rexedor.

A observación dun eclipse solar parcial abrirá a xornada do 29 de marzo que continuará coa conferencia “Eclipses de sol: 2026 – 2027 – 2028: El Trío Ibérico”, a cargo de Antonio A. Pazos, director do Real Instituto e Observatorio da Armada.

 

 

O documental Fulldome (cúpula completa) “Vía Láctea”, produción cedida pola Casa das Ciencias da Coruña e o Planetario de Pamplona, porá o peche do festival, o día 30 de marzo

Este evento contará co respaldo de institucións como o Real Observatorio da Armada, o Museo Casa-Colón de Valladolid, a Fundación Starlight , o Planetario de Pamplona ou o Consello da Cultura Galega.

O festival está dirixido aos amantes da astronomía, aos afeccionados da novela histórica, aos seguidores da música folk galega e ao publico en xeral que terán a oportunidade de coñecer aos autores dos libros que se distribuirán.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

 

Back to top button