Os traballos “comezaron con rapidez, sen esperas, cun elevado investimento e sen eludir responsabilidades”. Así de contundente se amosaba o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, na rolda de prensa que daba na mañá deste luns 10 de novembro xunto ao subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e dous comisarios para abordar as actuacións que o MITECO a través da CHMS está a desenvolver na restauración hidrolóxico-forestal das zonas afectadas pola onda de incendios do pasado verán, especialmente devastadores na comarca de Valdeorras.
Quiroga explicou que “tras os traballos de análises e comprobación da magnitude, o 9 de setembro 10 brigadas do Programa de Conservación de Leitos comezaron a executar os traballos máis urxentes”, destacando que “o 24 de setembro o MITECO autorizou un investimento de 3 mill/€ para actuacións de emerxencia, posibilitando así o despregamento de 19 brigadas máis, 6 delas para a área do incendio de Valdeorras”.

Tal e como expuxo diante dos medios de comunicación, os traballos execútanse en zonas nas que, por efecto do lume, reduciuse drasticamente a cuberta vexetal, o que favorece o fluxo de líquidos e sólidos cara aos leitos, co consecuente efecto erosivo laminar e a degradación dos ecosistemas fluviais. “As actuacións consisten basicamente na construción de pequenos muros de retención, denominadas albarradas, con madeira e/ou pedras en cárcavas e torrenteras; e faxinas de troncos e ramas, suxeitas con rollizos de madeira queimada, coa que se pretende frear o transporte de sedimentos; retirada de tapóns e obstrucións en pontes e obras de paso; retirada de madeira queimada en leitos; e plantacións e reforestación de bosque de ribeira para frear o transporte de sedimentos.
“Non podemos esquecer que estamos ante unha nova fase dos incendios, sendo imprescindible actuar tamén con rapidez en temas prioritarios, por iso desde o inicio, traballouse na contención das cinzas nas proximidades de captacións de auga, para que os concellos puidesen garantir o abastecemento, e na retirada de madeira e tapóns en zonas próximas a centros urbanos, para evitar riscos de inundación” explicou Quiroga, destacando que “malia os notables esforzos na aplicación de medidas correctoras e preventivas en DPH (competencia CHMS) para minimizar o arrastre de cinzas aos leitos e o impacto dos mesmos na calidade das augas, unha parte destas, inevitablemente, alcanzará as augas superficiais froito de condicións meteorolóxicas adversas, ou ben, polo empuxe de troncos e ramas queimadas, procedentes das zonas máis altas, situados fóra da competencia dos organismos de conca”.
Neste sentido, Eladio Santos detallou que a actuación necesita completarse con traballos da Xunta, xa que as cinzas baixan dos montes, onde a CHMS non ten competencias. “O Goberno galego é o responsable da xestión forestal antes, durante e despois dos incendios, polo que lle pedimos que deixe de botar culpas a quen está a traballar e póñase a traballar tamén”, subliñou, sendo corroborado polo presidente da Confederación. “Non ten ningunha competencia en saneamento agás se se fai un convenio e cero competencias en abastecemento”.
O subdelegado destacou que as brigadas contratadas pola CHMS comezaron a traballar o 9 de setembro, nove días despois da extinción dos grandes incendios. “Antes diso, o Goberno de España comezou os traballos previos e o deseño do plan en agosto. Anticipouse ao problema, cando aínda non había choivas, elaborando unha folla de roteiro en tempo récord”, indicou.
Finalmente Quiroga incidiu en que non é momento de confrontación política nin de mensaxes sen contido. “O cidadán demándanos feitos e solucións e só coordinados poderemos atenuar a problemática de contaminación por arrastres de cinzas cara aos leitos fluviais. Se todas as Administracións cumprimos co noso cometido e competencia as accións poden redundar en beneficio de toda a cidadanía. Pola nosa parte, nós facilitaremos ao máximo”, concluía.

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.