EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

O godello valdeorrés Sorte O Soro 2023, entre os 8 viños de 100 puntos na “Guía Peñín”

Foto: Guía Peñín.

 

Oito viños alcanzan a máxima cualificación da Guía Peñín dos Viños de España 2026: os 100 puntos. Son un espumoso (Homenatge a Josep Mata Capellades 2004), dous xenerosos (Amontillado Tradición VORS e Tío Pepe Catro Palmas), tres tintos (Castillo Ygay 2012, Artuke A Condenada 2023 e Alabaster 2022) e, por último, dous brancos (O Raio da Vella Albariño 2023 e o valdeorrés Sorte O Soro 2023.

“Sorte O Soro 2023 (Rafael Palacios) é un godello que o ten todo: mineralidade, salinidade, forza, tensión, profundidade e unha gran capacidade de garda”, segundo a Guía Peñín.

Desde hoxe, todas as puntuacións da Guía Peñín dos Viños de España 2026 atópanse dispoñibles na páxina web de Peñín en formato en liña. Desta forma, xa están publicadas para os usuarios as máis de 9.500 catas de 2.000 adegas.

As puntuacións deste ano “ofrécennos unha visión plural e diversa das diferentes formas de alcanzar o éxito, con viños de moi diversos estilos”, din dende a guía. O equipo de cata de Peñín destaca que “este ano o concepto de terruño, tan defendido no mundo do viño e tan maleable se o observamos con certa perspectiva, centrouse no autóctono”.

Na clasificación de Denominacións de Orixe, Jerez e Manzanilla de Sanlúcar volven, como cada ano, a liderar as puntuacións máis altas da Guía, cunha puntuación media de 93,16, seguidos de Montilla-Moriles, Vino de Calidad de Cebreros e Priorat.

Desde hoxe, todos os usuarios premium poden acceder en primicia ás cualificacións e consultar toda a información sobre eles (adega, D.O., tipo de viño, variedades de uva, anada, cualificación e notas de cata). A Guía Peñín dos Viños de España 2026 en formato libro estará dispoñible durante o mes de outubro, en español, inglés e alemán, a través da tenda en liña de Peñín e en librerías de toda España.

Back to top button