O Concello de Rairiz de Veiga avanza nos trámites para que a Romaría da Saínza sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. En cumprimento cos requisitos establecidos na normativa para esta distinción, presentouse a nova páxina web oficial da celebración, un paso crave dentro do plan de difusión e promoción da festa.

A alcaldesa do municipio, Asunción Morgade, destacou a importancia deste novo portal como unha ferramenta fundamental para a proxección nacional do evento. “Esta celebración achégase aos 185 anos de historia nesta edición e o lanzamento da web permítenos dar un salto cualitativo na súa promoción”, afirmou. Morgade animou a todos a participar de forma activa na romaría deste ano para “facer desta unha edición histórica”.

A nova web, www.romariadasainza.gal, que xa se atopa operativa, non é só un formalismo, senón un completo espazo dixital que servirá para promocionar a romaría a nivel nacional e internacional. Inclúe galerías de fotos e vídeos, así como toda a información práctica sobre o programa de actos, facilitando a calquera persoa o coñecemento da historia e o patrimonio da festa.
“A páxina convértese nun arquivo dixital clave para preservar o legado da nosa celebración, que xa conta co recoñecemento de Festa de Interese Turístico Galego”, sinalou a rexedora.

O expediente completo para a declaración de Interese Turístico Nacional será enviado ao Ministerio ao termo das celebracións, coa expectativa de que o éxito da convocatoria deste ano reforce o proceso.
Este domingo, o gran día do combate
Aínda que a celebración desta tradicional romaría que pon fin aos festexos estivais na comarca, e mesmo na provincia de Ourense; arrincou este venres, era na mañá deste domingo 21 de setembro cando tiña lugar o acto central da festividade, a sempre aclamada e seguida batalla á que asistía, entre outras autoridades políticas, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
O gran combate de mouros e cristiáns, comezaba ás 12:45 horas no Campo de Batalla, tras a procesión desde a igrexa e a misa solemne. Trátase dunha recreación que se celebra ininterrompidamente desde 1840, o que a converte nunha das máis antigas do seu tipo.
Este acontecemento transportou aos asistentes á época medieval, cunha coidada ambientación, vestiario de época, sabres e canóns que encheron o aire de dramatismo e emoción. A contenda iniciouse cun acto de provocación: o roubo do estandarte de Nosa Señora dá Mercé por parte do bando mouro. Tras unha serie de desafíos dialécticos e un duro enfrontamento na contorna do Castelo da Saínza, a vitoria finalmente decantouse polos cristiáns. O éxito desta representación non é casual. Detrás de cada detalle hai un ano de preparación e esforzo por parte da organización, un traballo que enche de orgullo aos habitantes da Saínza e Rairiz de Veiga.
A música continuaba coa charanga Os Támega e, pola tarde, a actuación de orquestra Panorama City, unha das máis destacadas do panorama nacional.
O vindeiro mércores 24, a festividade concluirá coa procesión da Virxe da Mercé ás 12:15 horas e a actuación de Ouro Negro no Campo da Festa a partir das 18 horas.
Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.