Esta tiña lugar a cerimonia de entrega das Medallas ao Mérito da Protección Civil. En total, entregáronse doce destas distincións, “unha condecoración con máis de 40 anos de historia coa que a sociedade pode agradecer en parte a enorme contribución que vós fixestes coas vosas accións”, indicou o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. No acto tamén participaba a directora xeral de Protección Civil e Emerxencias, Virginia Barcones; así como o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, e as subdelegadas do Goberno na Coruña, María Rivas; Lugo, Isabel Rodríguez.
Entre os recoñecidos figuran o tenente coronel xefe de Policía Xudicial na Comandancia da Garda Civil na Coruña, Jorge Bodelón, polo seu labor na loita contra a violencia de xénero á fronte dos equipos VIOGEN desta Comandancia. Tamén Guadalupe Lorenzo, xefa da Brigada de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, chave pola súa actuación durante o Estado de Alarma pola Covid e en diversos operativos de búsqueda na zona de Ferrol.
Os policías nacionais Alberto de Lera e Óscar Espiño da Comisaría de Lugo, cuxa rápida e decidida intervención permitiu salvar a vida a un bebé de dous meses de idade que non podía respirar. Os GEAS da Garda Civil, o grupo de Rescate Especial de Intervención en Montaña (GREIM) de Pobra de Trives, os bombeiros de Pontevedra, os do Deza e o servizo de emerxencias da Estrada no tráxico sinistro de autobús en Cerdedo-Cotobade da Noiteboa de 2022, nunhas condicións de traballo extremas.
Completan a lista os gardas civís José Alberto Yáñez e Alejandro Urbano Domínguez, do posto de Verín, cuxo papel foi chave no desaloxo da localidade de Vilarmaior nos incendios de 2022, e o axente da Garda Civil de Tráfico Héctor Teixeira polo seu traballo na regulación da circulación durante un forte temporal de chuvia na Coruña en xaneiro de 2023.
Como afirmou o delegado, a medalla “é un recoñecemento ao voso labor, extensivo ao corpo ao que pertencedes e ás vosas familias, que tamén sacrificaron tempo pola vosa dedicación”.
Neste senso, trasladoulles as súas felicitacións polo seu heroísmo e solidariedade e pola coordinación entre os diferentes organismos coas forzas e corpos de seguridade, “unha colaboración e cooperación que son un dos eixos do noso crecemento como sociedade”, concluíu.