OurenseÚltima hora

O Grupo Cuevas supera os 500 empregos directos e consolida a cifra de negocio en 2015

A empresa ourensá fai balance do último exercicio e prevé que o presente sexa tamén “un bo ano”
O director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, durante a presentación do balance da empresa, esta mañá.
O director xeral do Grupo Cuevas, Artur Yuste, durante a presentación do balance da empresa, esta mañá.

O Grupo Cuevas presentou esta mañá o seu balance económico con respecto ao exercicio de 2015 e valórao de xeito moi positivo. Así o mostrou o seu director xeral, Artur Yuste, que explicou que durante o pasado ano a firma ourensá superou “por vez primeira” os 500 empregos directos e conseguiu consolidar a cifra de negocio en 94 millóns de euros. Neste contexto, e a punto de cumprir 150 anos de traxectoria, a empresa experimenta unha tendencia “alcista en todas as sociedades”, tras dar por superada a crise económica: “Influíunos moito pero conseguimos adaptarnos, o que nos permitiu crecer en vendas, en resultados e seguimos expandindo a nosa forma de ser”, sinalou.

O informe presentado arroxa datos positivos sobre todo na alianza estratéxica con Spar. O proxecto asinado hai un ano, mediante o cal a firma ourensá ten a exclusividade das franquicias do grupo de alimentación en Galicia, despegou a bo ritmo. Xa abriron 22 establecementos na comunidade galega, 12 en Ourense, e a previsión é chegar ás 32 franquicias a final de ano. O obxectivo final é crear entre 150 e 180 supermercados como máximo nun prazo de oito anos, algo que Yuste cre que é factible: “temos a capacidade de conseguir o proxectado”.

Actualmente, o Grupo Cuevas traballa para abastecer a unhas 22.000 familias galegas a través dos seus supermercados e conta cunha fidelización de máis do 70%, segundo os seus datos. Ademais, “somos a empresa con máis cash&carry de todo Galicia e estamos consolidándonos como a cuarta empresa de distribución” da comunidade, explicou o director xeral. Por todo isto, cre que 2016 será “o ano de saída da crise” pese a que matiza que nestes primeiros seis meses “non houbo a facilidade de apertura de negocio prevista”. Subliñou, neste contexto, a importancia que ten o rural para a firma ourensá e avanza que seguirán a traballar neste eido.

Así, tras incrementar tamén as inversións -en 2015 duplicounas até os 3,24 millóns de euros-, Yuste prevé que o volume sexa moi similar durante este ano. No eido dos impostos, a actividade do grupo traduciuse en máis de 4,5 millóns de euros.

Por último, incidiu nos tres eixos que seguirán a ser estratéxicos para o grupo local nos vindeiros exercicios: o rural, o posicionamento de Ourense como centro neurálxico e a castaña como produto estrela a potenciar a través das súas sociedades. “Sobre o rural, debemos intentar establecer alianzas coas Administracións Públicas e cremos que é un dos camiños fundamentais para dinamizalo”, di. Apostou así mesmo por dar valor engadido aos froitos autóctonos -entre os que se encontra a castaña- e fixo un chamamento á empresa privada e ás universidades para que apoien a innovación e a busca de novos proxectos que compartan estas premisas. “Debemos establecer relacións de confianza para que esta provincia gañe terreo en España”, concluiu.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button