Corría o ano 1986 cando un grupo de amigos, amantes da natureza e do deporte, decidían xuntarse e crear un club. Así nacía o Grupo de Espeleoloxía e Montañismo Águilas Verdes de Rubiá que hoxe celebraba o seu 40º aniversario cun xantar e música en directo.



O grupo fundábase o 1 de marzo grazas á colaboración de varios adultos para crear a primeira directiva porque eran menores de idade. “Entre eles o cura, José Antonio Madero, o primeiro presidente; o secretario do Concello, amigos e familiares”, lembra Marcos, membro da actual directiva que collía as rendas no ano 2012 mantendo a un dos fundadores “que daquela era menor e agora é o maior de todos e actual presidente, Manolo”, continuando coa actividade de espeleoloxía e incluíndo tres novas seccións, de bicicletas, de montaña e de tiro con arco, a máis recente. “A de tiro con arco creámola hai dous anos, grazas a un amigo de Rubiá e agora temos varios arqueiros, entre eles á campiona de España de Tiro con Arco Composto e campións de Galicia”, puntualiza Marcos.




Moitos dos que formaron e seguen formando parte do club asistían no mediodía deste sábado 28 de febreiro ao xantar de aniversario nunha nave en Rubiá, contanco con servizo de cátering e música en directo da man do grupo valdeorrés Tentempié.




Contaban coa presenza do GREIM de Trives, do Club Troglobios da Coruña, do ECAM de Vigo, familiares e amigos, á parte dos socios que puderon asistir. En total unhas 65 persoas asistían ao acto no que se proxectaban imaxes da actividade do club ao longo destes 40 anos e tamén se entregaban placas conmemorativas, unha delas ao primeiro presidente que recoñecía estar encantado de ter axudado “a un grupo de nenos que querían ser espeleólogos” malia que el non saber nada dese deporte. “Eu non tiña nin idea de espeleoloxía nin de montañismo pero pedíronme axuda e síntome moi honrado”, dixo.
Foi unha xornada de reencontros, lembranzas, risas e anécdotas na que brindaron por moitos anos máis, agradecendo “especialmente a Paco e Patri de eXclusivo ternos deixado a nave para poder celebrar o evento e axudarnos. Tamén a toda a directiva: Manolo, Toñito, Pablo, Javi, Roberto, Tordo,… Carlos do Club Kirlo por acompañarnos a pasar un bo día”, di Marcos.



El mesmo explica que tamén seguen co Campamento Infantil de Espeleoloxía en Covas que ten “unha acollida espectácular ,cubríndose nunha mañá as 20 prazas que temos, de toda a comarca e de fóra”. Este ano será o quinto entre finais de xuño e primeiros de xullo e “tamén faremos un campamento do club polo aniversario no refuxio da FGE en Covas para seguir mentres poidamos”, conclúe o espeleólogo.







Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.