PolíticaÚltima hora

O grupo socialista no Parlamento galego pide “compromisos claros, recursos inmediatos e certezas” para as zonas afectadas polos arrastres en xuño

 

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, presentaba esta mañá unha pregunta oral no Pleno da Cámara galega relativa ás zonas afectadas polas tormentas do 17 de xuño en Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras e Vilardevós. Neste senso, pedíalle á Xunta “compromisos claros, recursos inmediatos e certezas” para a recuperación destas áreas.

Rodríguez Dacosta falaba de “falla de resposta do goberno galego, que cando todos esperabamos unha reacción política inmediata, demoraron a xuntanza cos alcaldes e alcaldesas dos concellos afectados doce días logo das tormentas. E daquela reunión, non saíu un Plan extraordinario e urxente nin un calendario concreto de actuacións, senón a demanda aos concellos de facer unha valoración detallada dos danos para que a Xunta estude posibles vías de colaboración”.

Dacosta sinalaba que as riadas provocadas polas tormentas desprazaron toneladas de terra, pedras e madeira queimada nos incendios do ano pasado “pola falla de actuación da Xunta, que chegou tarde á prevención dos incendios, chegou tarde á restauración das zonas queimadas e tamén chegou tarde á resposta que merecían os veciños afectados”. Criticou que “cando o goberno do PP chega tarde á prevención, Galicia acaba pagando dúas veces, primeiro co lume e despois co barro”.

Tamén dixo Rodríguez Dacosta que a Xunta “segue a día de hoxe sen executar os 8,5 millóns de euros transferidos o ano pasado a Galicia polo Ministerio para a Transición Ecolóxica precisamente para a restauración das zonas queimadas en Ourense”. Ademais a parlamentaria socialista criticou que “optaran polo desleixo no canto de asumir o liderado da resposta institucional e declarar a situación de emerxencia”.

A parlamentaria socialista criticou que “mentres esperaban non se estabilizaban os solos, non se restauraban as ladeiras e non se reducían os riscos, derivando no drama que viviron os veciños e veciñas de Pradocabalos, A Bouza, Pixeiros, O Castro e o resto de núcleos afectados”.

Back to top button