CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga actúan nesta vila polas Letras Galegas

 

Continuando coas actividades do “Mes das nosas letras “ que ten organizado o Concello de Quiroga para celebrara as Letras Galegas, chega a Quiroga un concerto de música vocal. Este sábado, 16 de maio, ás 20:00h, na Casa da Cultura, actuarán o Grupo Vocal Entrelas, a Coral Cantar Delas e a Coral Polifónica de Quiroga.

O Grupo Vocal Entrelas está formado exclusivamente por voces femininas. A maior parte das súas interpretacións realízanse a capela, e o seu repertorio abrangue unha ampla variedade de xéneros musicais, como son cubano, jazz, pop, habaneras ou música tradicional. Nas súas actuacións destacan a alegría sobre o escenario, o coidado pola posta en escena e a proximidade co público, elementos que definen a súa identidade artística.

O Coral Cantar Delas é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo. Dentro da súa traxectoria destaca o proxecto centrado na música medieval, baseado nas Cantigas de Martín Códax e nas Cantigas de Afonso X o Sabio, en colaboración co grupo instrumental Tundal (2012); e o ciclo Creadoras de música, dedicado á creación musical feminina, co obxectivo de visibilizar compositoras que foron esquecidas ou silenciadas ao longo da historia (2023 – 2024).

A Coral Polifónica de Quiroga, fundada en 1991, conta actualmente con 30 membros dirixidos por Fernando Sanmartino Pérez. A súa primeira actuación tivo lugar en xuño de 1992 e, desde entón, mantén unha actividade constante, reflectida nas numerosas actuacións realizadas ao longo dos anos. Participou no I Certame de Corais Galegas e en distintos programas da TVG e TVE en Galicia.

Ademais, interpretou a Misa do Peregrino na Catedral de Santiago enn 1997 e gravou o seu primeiro CD baixo a dirección de Alfonso Campos. Esta actividade do “Mes das nosas letras” está organizada dende as áreas de Dinamización Lingüística e de Cultura do Concello de Quiroga, contando coa colaboración da Vicepresidencia Primeira, Área de Cultura da Deputación Provincial.

Back to top button