Entre os homenaxeados da edición deste 2026 da “Alba de Compostela”, un acto que organiza no marco do 25 de xullo o Concello de Santiago, estaba nesta ocasión o historiador barquense Ricardo Gurriarán. Este acto, inspirado no discurso ‘Alba de Gloria’ que Castelao fixo en Bos Aires o mesmo día 25 de xullo en 1948, tiña lugar no Teatro Principal da capital galega.
As persoas distinguidas coa Alba de Compostela recibían de mans da alcaldesa, Goretti Sanmartín, un diploma e unha peza conmemorativa, obra de Jose Castro, de Obradoiro Noroeste. No escenario estiveron tamén presentes os portavoces dos grupos políticos e representates da Corporación Municipal María Rozas, Míriam Louzao, Borja Verea, Marta Abal e Mercedes Rosón.
A primeira en recibir o recoñecemento foi Concha Rozas (1936), unha das voces máis recoñecidas e estimadas do movemento veciñal e fundadora da Asociación Avoas de Pontepedriña. Logo, saía Camilo Nogueira (1936), enxeñeiro e economista, nado en Vigo, cursou estes últimos estudos xa na USC. Veciño durante máis de cinco décadas de Santiago de Compostela, na biografía de Nogueira entrecrúzanse o compromisos político e sindical co da defensa e promoción da lingua.
En terceiro lugar, recibiu o recoñecemento Susi Gesto (1980), depositaria, innovadora, transmisora e expoñente contemporáneo do legado artístico da ourivaría compostelá, unha das grandes tradicións da cidade.
O cuarto en recibir o recoñecemento era o valdeorrési Ricardo Gurriarán (1953), figura destacada no ámbito da investigación arredor do pasado histórico da universidade compostelá. Foi profesor no IES Arcebispo Xelmírez dende 1977 ata a súa xubilación. “Fóra das aulas, Ricardo Gurriarán loitou pola democracia, os dereitos e as liberdades e decidiu dedicarse con empeño, rigor e esforzo a recuperar a historia. Recibe a Alba de Compostela en recoñecemento ao traballo feito, a honestidade e o compromiso de toda unha traxectoria, na que destaca tamén o seu papel na recuperación das esculturas do Mestre Mateo”, segundo o Concello de Santiago.
Goretti Sanmartín gababa a traxectoria e a achega das catro persoas recoñecidas nesta cuarta edición da Alba de Compostela e agradeceulles o esforzo, a ilusión e o amor a Compostela. “Homes e mulleres incuestionábeis, persoas a quen lles queremos agradecer o seu esforzo, a súa xenerosidade e o moito que lles debemos como veciñas e veciños deste concello”. Así, recoñecía a súa “traxectoria honesta, leal e tan valiosa” e lembrou que estes recoñecementos “evocan a nosa propia historia, o pasado que herdamos con orgullo e que deu forma á Compostela que hoxe somos”.
Fotos: Concello de Santiago as dúas primeiras da galerí e o resto cedidas.
