Á súa bisavoa, Manuela Valle, natural de Casaio (Carballeda de Valdeorras), encantáballe contar historias. Nalgunhas delas aparecían as palabras guerra, fuxidos, guerrilleiros, cárcere ou volframio. Cando as escoitaba Christian Barrio Fernández (O Barco, 1997) era aínda moi pequeno e, entre xogo e xogo da videoconsola, apenas lle prestaba atención. Ela falecía en decembro de 2007, cando este barquense tiña 10 anos. Pouco despois, presentábase en Petín o documental “Lobos Sucios” de Felipe Rodríguez Lameiro, sobre a explotación do volframio na mina de Valborraz na segunda guerra mundial e, nel, Manuela Valle era unha das entrevistadas. E, case unha década despois, no seu testemuño inspirábase o personaxe de Manuela, protagonista do filme “Lobo Sucios”, dirixido por Simón Casal e estreado no 2016.
A partir de aí Christian Barrio sentía a necesidade de saber máis da súa bisavoa, a medida que tamén ía prendendo nel o interese pola historia contemporánea. De feito, tras graduarse en xornalismo e facer un master, decidía cursar outro máster, desta volta en Historia Contemporánea. Ao mesmo descubría que o seu avó fora o derradeiro garda das minas de volframio de Casaio e nese intre mergullábase nunha investigación histórica e familiar cuxo resultado era o seu primeiro libro, “José Barrio, el último guardia de las mina de Valborraz”, unha historia novelada que vía a luz no 2022.
Mentres preparaba este libro, ao manexar tamén datos sobre a súa bisavoa, xurdía nel a sospeita de que naquelas historias escoitadas na nenez había valiosas pistas que ela ía deslizando, pero non tiña claro cara onde o podían levar. “Na familia sempre tivemos a sensaciónde que algo faltaba porque ela da guerra non falaba nada, pero si moito da mina e sabiamos que estivera no cárcere uns meses. Eu estaba convencido de que podía haber algo máis, sobre todo vendo a súa entrevista no documental de Felipe, e así nese ano 2020, en pleno confinamento, decidín afondar na súa historia”.
Durante ese proceso, nuns artigos de Alejandro Rodríguez Gutiérrez, de Sputnik Labrego, sobre a muller na guerrilla, atopaba o nome da súa bisavoa e unha referencia a unha causa xudicial. “Nela dicíase que Manuela Valle era unha fuxida, e nun principio pensei que se trataba dun erro e púxenme en contacto con Alejandro para comentarllo, pero non era así. Ademais no 2022 fun a Ferrol e pedín a causa arquivística dela, que cría que ía ser dun folio, en cambio atopeime cunhas 140 páxinas e con que estivo dous anos e tres meses na cadea, ademais de coa sorpresa de que pasara 5 meses como fuxida na Ciudad de a Selva, algo que a familia descoñecía totalmente, foi tremendamente sorprendente”, confesa.

Froito diso nace un segundo libro, “Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, que acaba de publicarse e que dende este luns estará nas librerías. “Continuo coa vía familiar, pero, deste volta, dun xeito máis emotivo e arraigado porque supón o espertar dunha historia totalmente silenciada, que nin a propia familia coñece”, apunta o autor.
A partir dos relatos orais da súa bisavoa, grazas ás gravacións cedidas por Felipe Rodríguez, e de diversa documentación escrita, como a causa, Christian Barrio escribe neste novo libro unha historia novelada tratando de reconstruír unha parte moi concreta e, ata agora enterrada no esquecemento, da vida de Manuela: a súa fuxida e os cinco meses (entre xaneiro e xuño de 1939) de convivencia co guerrilla na Ciudad de la Selva, nos montes de Casaio, e logo o tempo que pasou na cadea, onde daba a luz á súa primeira filla e de onde saía en setembro de 1942.

Con este interesante volume, Christian Barrio volve incidir na historia local, ao mesmo tempo que amosa a importancia de rescatar do esquecemento esa parte da historia recente que foi silenciada. Ao mesmo tempo este novo proxecto permitiulle recuperar a súa propia memoria familiar e persoal.
“Manuela. Historia de una huida hacia los montes de Casaio”, que roza as 300 páxinas, está estruturado en 14 capítulos, nos que parte das súas orixes da súa bisavoa e dos lugares nos que medrou. Inclúe tamén un limiar, un apartado de agradecementos, bibliografía, un anexo fotográfico. Conclúe cun epílogo a cargo do guionista rues Felipe Rodríguez Lameiro, no que rende tributo “a todas as Manuelas que, como candís na profundidade das minas, iluminan o camiño daqueles que buscan a verdade. Christian asumiu o desafío de preservar o seu legado con humildade e determinación, retratando a vida e as lembranzas da súa bisavoa con cada palabra do seu libro”. Dende este luns xa pode desfrutarse deste novo libro do historiador valdeorrés.
Fotos: O SIL, agás as dúas últimas da galería, que son da autoría de Rosana Fernández.