SanidadeÚltima hora

O Hospital de Valdeorras reduce en 37,7 días á espera para unha primeira consulta, segundo a área sanitaria ourensá

O hospital de Valdeorras realizou 26.785 consultas e 1.221 intervencións cirúrxicas entre xaneiro e xuño, nun semestre marcado pola folga médica, segundo os datos feitos públicos polo Sergas

 

“O Hospital Público de Valdeorras reduciu en 37,7 días a espera media para unha primeira consulta no primeiro semestre de 2026. Pasou de 87,5 días en xuño de 2025 a 49,8 no mesmo mes deste ano, o menor tempo medio dos tres hospitais da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, e un dos mellores da rede Sergas”. Son datos que vén de facer públicos a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco neste 30 de setembro

Así, segundo eses datos, entre xaneiro e xuño en Valdeorras realizáronse 26.785 consultas externas, das que 9.581 foron primeiras consultas, e 1.221 intervencións cirúrxicas.

“A mellora en Valdeorras supera a redución media da área sanitaria, que foi de 14,1 días, de 66,1 a 52. O Hospital Universitario de Ourense situouse en 52,2 días e o Hospital Público de Verín en 52,7. En Valdeorras, a espera baixou un 43,1 % respecto a xuño do mesmo periodo do ano anterior”, indica a área santiaria ourensá.

Estes resultados, continúa a xerencia da área, “acadáronse nun semestre condicionado pola convocatoria de folga médica dunha semana ao mes desde febreiro, e da convocatoria de folga de técnicos superiores, que tiveron unha importante repercusión na programación de consultas e intervencións. Non si a planificación da actividade, o esforzo de xestión e dos profesionais permitiron reducir os tempos de acceso ás primeiras consultas pese a esta incidencia”.

Back to top button