
O Hospital Universitario de Ourense (CHUO) recibía neste xoves a visita do alumnado do Colexio de Educación Infantil e Primaria Amadeo Rodríguez Barroso, nunha das actividades organizadas con motivo do Nadal co obxectivo de achegar o funcionamento do centro sanitario á comunidade educativa máis nova.
Durante a xornada, os nenos e nenas tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man distintos servizos do hospital, como a cociña, o laboratorio, o servizo de seguridade e a área de investigación, onde se lles explicou, dun xeito didáctico e adaptado á súa idade, como se traballa diariamente para garantir a atención e o benestar dos pacientes.

A visita incluíu tamén un percorrido polos cadros do artista Jaime Quesada que se atopan expostos nas instalacións hospitalarias. Neste contexto, a viúva do artista e presidenta da Fundación Quesada explicou ao alumnado a importancia da arte nos espazos sanitarios e o valor destes cadros como elemento humanizador do hospital. Pola súa banda, Paula Serrano, xerente da Fundación Quesada, detallou como se produciu a chegada destas obras ao Hospital Universitario de Ourense e o significado da súa presenza no centro.
Esta iniciativa forma parte das actividades de Nadal do CHUO, orientadas a fomentar a apertura do hospital á sociedade, promover valores como a proximidade e a educación en saúde e ofrecer unha experiencia enriquecedora aos máis pequenos.
