
O Hospital Universitario de Ourense acollerá o próximo venres 18 de setembro, a partir das 16.00 horas, o V Torneo Solidario de Xadrez, organizado con motivo do Día Mundial do Alzheimer. A iniciativa busca dar visibilidade á enfermidade e apoiar o labor da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense (AFAOR), á que se destinará integramente a recadación das inscricións.
Plenamente consolidado grazas ao apoio do Servizo de Neuroloxía, da Escola de Xadrez Liceo Ourense e do Club Xadrez As Burgas; a quinta edición desta iniciativa solidaria presentouse no hospital, nun acto no que participou a vicepresidenta e o xerente de AFAOR, Sara Ruiz e Oscar Doval; o director médico da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, José Antonio Ortigueira; os xefes dos servizos de Neuroloxía e Atención ao Paciente e Humanización, Daniel Apolinar García e Belén Piñeiro; e o director da Escola de Xadrez Liceo Ourense, Joaquín Bello.
A competición alcanza este ano a súa quinta edición e celebrarase no Espazo Ágora, situado no vestíbulo do novo edificio de hospitalización. Poderán participar profesionais dos hospitais e centros de saúde da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, pacientes e familiares vinculados a AFAOR e calquera persoa afeccionada ao xadrez, ou que desexen colaborar.
Na presentación o xefe de servizo de Neuroloxía defendeu o valor neuro-protector de practicar este xogo, considerado un deporte para o cerebro e “unha ferramenta psico-terapeútica validada para un envellecemento activo” e subliñou que “as persoas que practican o xadrez periodicamente teñen un menor risco de desenvolver deterioro cognitivo, polo que, xunto con outros xogos de mesa, son as principais actividades de estimulación cognitiva que recomendamos aos nosos pacientes, cando comezan a percibir perdas de memoria” explicou.
Nesta mesma liña Joaquín Bello, director do Clube Liceo, puxo en valor a función terapéutica do xadrez, demostrada en múltiples traballos científicos “mellora a memoria, a capacidade cognitiva e tamén facilita a socialización” e amosou a súa satisfacción e a dos socios do clube por poder colaborar cunha causa tan importante, que a vicepresidenta de Afaor, agradeceu a todos os asistentes.
Xogadores de todas as idades e seis roldas de competición
O campionato disputarase, como ven sendo habitual, mediante o sistema suízo a seis roldas, cun tempo máximo de 15 minutos por participante para rematar cada partida. Entregaranse trofeos ás tres persoas mellor clasificadas.
A inscrición é gratuíta e poderá formalizarse ata o mércores 16 de setembro no Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, a través do teléfono 988 388 515, ou na sede de AFAOR, situada na rúa Chano Piñeiro, número 2, baixo. As persoas que desexen colaborar e non podan asistir, asociación tamén poderán facelo a través da súa páxina da asociación.
Atención ás persoas e ás familias
AFAOR é unha entidade sen ánimo de lucro creada en 1995 para apoiar as persoas con alzhéimer e as súas familias. Entre os seus recursos figuran programas de atención integral e social, psico-estimulación e obradoiros de estimulación cognitiva e mantemento funcional, dirixidos a conservar capacidades e favorecer a autonomía das persoas afectadas.
A asociación desenvolve tamén accións de información, orientación e apoio ás familias coidadoras. O torneo permite achegar a súa labor ao ámbito hospitalario e dar a coñecer a súa labor, mediante unha iniciativa que combina convivencia, participación e sensibilización or redor das persoas que sofren deterioro cognitivo, as súas familias e coidadores.