
O Servizo de Neuroloxía do Hospital Universitario de Ourense en colaboración con AFAOR (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Ourense) e o Club de Xadrez Liceo de Ourense, organizarán o día 19 de setembro o “IV Torneo Solidario de Xadrez” que, coincidindo co Día Mundial do Alzheimer, tenta concienciar sobre a súa problemática social e a importancia do adestramento cognitivo, como factor protector fronte o envellecemento neurolóxico.
O torneo solidario voltará así, por cuarto ano consecutivo, á Cuberta Saudable do Hospital Universitario de Ourense, no novo edificio de hospitalización, de 16 a 20.00 h. Espera contar cunha alta participación, como en anos anteriores, grazas a implicación dos organizadores, coa coordinación do mestre de xadrez ourensán, Joaquín Bello.
Como esta mañá na presentación da iniciativa lembraron os seus organizadores, o torneo será gratuito e as inscricións poden formalizarse na sede de AFAOR, ou na propia secretaría do Servizo de Neuroloxía, do Hospital Universitario de Ourense.
Esta tarde de xogo e socialización encádrase máis nunha xornada lúdica que de competición, co obxectivo de dar a coñecer o valor deste deporte mental como ferramenta de adestramento cognitivo, para protexer e atrasar o envellecemento neurolóxico, ralentizando o deterioro asociado ao alzhéimer e outras demencias.

Adestrar o cerebro
A demencia constitúe un dos principais retos sociosanitarios do século XXI, cun custo social e económico enorme, tanto para as familias como para os sistemas de saúde. O adestramento cerebral xoga un papel fundamental á hora de atrasar o deterioro cognitive, e a aparición de demencias, xa que favorece a plasticidade neuronal e a conservación das funcións mentais básicas.
Nos países desenvolvidos, o progresivo envellecemento da poboación está a provocar un incremento constante da súa prevalencia, polo que resulta imprescindible promover programas de estimulación cognitiva e hábitos de vida saudables que contribúan a mellorar a calidade de vida das persoas maiores e a reducir a carga asociada a estas enfermidades.
Mostra delo, en Ourense as demencias son o motivo de consulta máis frecuente no Servizo de Neuroloxía e, dentro delas, o Alzheimer representa un 70% das consultas sobre enfermidades neurolóxicas dexenerativas.
Na presentación do torneo estiveron o xefe de Servizo de Neuroloxía, Daniel Apolinar García Estévez, a supervisora de enfermería do servicio Mónica Otero Vázquez, o director de AFAOR, Óscar Doval, e o mestre de xadrez do Liceo de Ourense, Joaquín Bello, e subdirector de Atención ao Paciente e Humanización, Xosé Luis López Gutierrez