SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense destaca o labor esencial da radiofísica na seguridade dos pacientes e na precisión dos tratamentos contra o cancro

O Día Internacional da Física Médica, que se celebra este sábado 7 de novembro, permite dar visibilidade a unha especialidade sanitaria pouco coñecida, pero imprescindible na medicina actual.

 

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras súmase á conmemoración do Día Internacional da Física Médica, que se celebra este sábado 7 de novembro, poñendo en valor o labor dos especialistas en Radiofísica Hospitalaria do Hospital Universitario de Ourense, cuxa actividade resulta fundamental para garantir a seguridade dos pacientes, a precisión dos tratamentos oncolóxicos e a protección radiolóxica nos distintos servizos hospitalarios.

Trátase dunha especialidade sanitaria que, aínda que desenvolve boa parte do seu traballo lonxe do contacto directo cos pacientes, desempeña unha función esencial nos procedementos diagnósticos e terapéuticos que utilizan radiacións ionizantes, como a radioterapia, a medicina nuclear, as radiografías ou as tomografías computarizadas (TAC).

A xefa do Servizo de Radiofísica e Protección radiolóxica do Hoaspital Universitario de Ourense, Ana María Rodríguez Fernández, explica que «nos hospitais hai profesionais especialmente dedicados a medir e valorar as radiacións ionizantes que se empregan para diagnosticar enfermidades e para tratalas, para que estas se utilicen con precisión, eficacia e, por suposto, seguridade».

Neste servizo traballa un equipo de dez profesionais: cinco facultativos, tres técnicos de radioterapia, una técnico de protección radiolóxica e unha administrativa, que participan na planificación dos tratamentos, na dosimetría clínica, no control de calidade dos equipos e na protección radiolóxica tanto dos pacientes como dos profesionais.

Un traballo de precisión detrás de cada tratamento de radioterapia

Un dos ámbitos nos que a Radiofísica Hospitalaria adquire maior protagonismo é o tratamento dos pacientes con cancro mediante radioterapia. Os especialistas colaboran estreitamente cos oncólogos radioterápicos na planificación individualizada dos tratamentos, co obxectivo de administrar a dose prescrita sobre o tumor e reducir ao máximo a exposición dos órganos e tecidos sans.

Segundo explica Ana María Rodríguez, «unha vez que o médico decide o tratamento e prescribe a dose de radiación, nós deseñamos a mellor maneira de administralo, eliximos a técnica de tratamento, a enerxía da radiación e a configuración dos parámetros máis adecuados para cada paciente».

Para iso, os profesionais empregan avanzados sistemas informáticos de planificación que, a partir das imaxes dun TAC realizado previamente ao paciente, permiten calcular como se distribuirá a radiación no seu organismo e optimizar o tratamento de maneira personalizada.

Antes da súa administración, os cálculos son sometidos a comprobacións específicas. «Unha vez que o tratamento está calculado, fanse medidas de verificación no acelerador, administrando o tratamento nun maniquí ou paciente ficticio, para comprobar que o que nós calculamos coincide co que se imparte na sala do acelerador», sinala a responsable do servizo.

Neste sentido, destaca que «aínda que non temos contacto directo cos pacientes, todos aqueles que seguen un tratamento de radioterapia pasan polo Servizo de Radiofísica».

 

 

Controis diarios para garantir a seguridade dos aceleradores lineais

Outra das responsabilidades fundamentais destes especialistas é o control de calidade dos aceleradores lineais empregados nos tratamentos oncolóxicos.

Estes equipos, dotados dunha tecnoloxía de elevada complexidade, están sometidos a programas periódicos de verificación que permiten comprobar tanto a dose de radiación que administran como a precisión dos seus movementos.

O especialista en Radiofísica Hospitalaria Manuel García Pazos destaca a importancia das comprobacións que se realizan diariamente antes de comezar os tratamentos. «Cada mañá, antes de que entre o primeiro paciente, realizamos unha serie de comprobacións para verificar que o acelerador funciona correctamente e que a radiación que administra se corresponde cos parámetros establecidos. Revisamos tanto a dose de radiación como a precisión dos movementos do equipo, porque é fundamental que o tratamento se administre tal e como foi planificado».

García Pazos subliña que «estes controis de calidade son unha parte esencial da seguridade dos tratamentos de radioterapia. O paciente non ve este traballo, pero detrás de cada sesión existe unha serie de verificacións que nos permiten garantir que os equipos funcionan dentro das tolerancias establecidas».

Medicina Nuclear: seguridade e precisión no diagnóstico e tratamento

A actividade do Servizo de Radiofísica Hospitalaria esténdese tamén á Medicina Nuclear, onde se utilizan radiofármacos para obter información sobre o funcionamento de determinados órganos e para o tratamento dalgunhas enfermidades.

Neste ámbito, os especialistas colaboran na garantía de calidade dos equipos, como o PET, na avaliación e optimización das doses de radiación e na protección radiolóxica dos pacientes e dos profesionais.

O especialista en Radiofísica Hospitalaria Néstor Cons Pérez explica que «na Medicina Nuclear traballamos con radiofármacos que permiten estudar o funcionamento de diferentes órganos e diagnosticar ou tratar determinadas enfermidades. Desde Radiofísica Hospitalaria realizamos comprobacións dos equipos, como o PET, e colaboramos para que os procedementos se desenvolvan coas máximas garantías de calidade e seguridade».

Cons Pérez destaca tamén que «o noso obxectivo é contribuír a que cada exploración proporcione a información necesaria para o diagnóstico, optimizando a radiación administrada e garantindo a protección tanto dos pacientes como dos profesionais sanitarios».

Radiodiagnóstico: a menor dose necesaria para unha imaxe de calidade

A Radiofísica Hospitalaria tamén desempeña unha función esencial no Radiodiagnóstico, contribuíndo á optimización das doses de radiación utilizadas nas exploracións, especialmente nas tomografías computarizadas (TAC), cuxa utilización é cada vez máis frecuente na práctica clínica.

O traballo destes especialistas consiste en avaliar os parámetros e as técnicas de exploración para conseguir imaxes coa calidade necesaria para un diagnóstico adecuado, utilizando a menor dose de radiación razoablemente posible.

Neste sentido, Ana María Rodríguez explica que o obxectivo é «conseguir unha imaxe coa calidade necesaria para que o especialista poida realizar un diagnóstico adecuado, utilizando a menor dose de radiación posible para o paciente».

Esta actividade desenvólvese en colaboración cos profesionais dos servizos de Radiodiagnóstico, dentro dunha estratexia de mellora continua da calidade e da seguridade asistencial.

Protección radiolóxica de máis de 300 profesionais sanitarios

A Radiofísica Hospitalaria desempeña tamén un papel fundamental na protección dos traballadores que desenvolven a súa actividade en instalacións nas que se utilizan radiacións ionizantes.

Na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o servizo ten baixo a súa supervisión a máis de 300 profesionais expostos, aos que proporciona información sobre os riscos asociados ás radiacións, avalía as súas condicións de traballo e facilita medidas de protección.

«Non se trata só de protexer aos pacientes, senón tamén aos profesionais que traballan nas salas de exploracións e tratamento onde se utilizan radiacións ionizantes», destaca Ana María Rodríguez.

Para iso, os traballadores dispoñen de dosímetros persoais que permiten rexistrar a radiación recibida, ao tempo que se realizan medicións periódicas nas distintas zonas de traballo para verificar as condicións de seguridade radiolóxica.

Unha especialidade pouco visible, pero imprescindible na medicina actual

O Día Internacional da Física Médica celébrase cada 7 de novembro, coincidindo co aniversario do nacemento de Marie Curie, pioneira na investigación sobre a radioactividade e nas súas aplicacións médicas.

Esta conmemoración pretende recoñecer a contribución dos especialistas en Física Médica ao desenvolvemento dunha asistencia sanitaria máis segura, precisa e eficaz, así como achegar á cidadanía unha profesión esencial que continúa sendo pouco coñecida.

Para Ana María Rodríguez, esta celebración representa «unha oportunidade para dar a coñecer unha especialidade que segue sendo bastante descoñecida para a cidadanía, pero que é imprescindible na medicina actual».

Back to top button