SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense humaniza Radioterapia coa colaboración da Escola de Arte Antonio Faílde

O alumnado e profesorado da Antonio Failde de Ourense participou na intervención artística dos corredores que conducen aos aceleradores lineais de radioterapia

 

Unha colaboración do alumnado e profesorado da Escola de Arte Antonio Failde de Ourense, a proposta do Hospital Universitario de Ourense, permitíu intervir nos corredores do Servizo de Oncoloxía Radioterápica, que conducen aos dous aceleradores lineais, convertindo estes espazos, que diariamente percorren centos de pacientes en tratamento oncolóxico, nun espazo máis acolledor e humano por medio da fotografía e a poesía.

Os dous corredores constitúen un espazo de paso especialmente significativo para centos de pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras. Só no ano 2025, un total de 1.126 persoas recibiron tratamento nos dous aceleradores lineais do hospital ourensán. Ao longo dese período realizáronse 14.420 sesións de radioterapia, o que supón que estes corredores foron percorridos ata 28.840 veces por pacientes que se desprazan desde as cabinas, onde se cambian para recibir tratamento, ata os “bunkers” que albergan os aceleradores lineais.

A iniciativa partiu do propio Servizo de Oncoloxía Radioterápica, dirixido por María Dolores López, coincidindo coa renovación dos dous aceleradores lineais do hospital en 2023, unha actuación que permitiu incorporar nova tecnoloxía de alta precisión para os tratamentos radioterápicos e ampliar as posibilidades terapéuticas do servizo. Os novos equipos permiten realizar técnicas avanzadas como radioterapia estereotáxica corporal (SBRT) e radiocirurxía, mellorando a precisión, adaptación ao tumor e protección dos tecidos sans.

A actuación proposta polo Servizo de Humanización e Atención ao Paciente ao profesorado do  Antonio Failde, buscou precisamente humanizar ese percorrido diario, asociado frecuentemente a momentos de incerteza, tensión emocional ou cansazo físico, convertendo o tránsito cara ao tratamento nun espazo máis amable, creativo e luminoso. 

Dúas propostas artísticas

O proxecto desenvolveuse mediante dúas intervencións diferenciadas elaboradas polo alumnado da escola. Unha delas foi creada por Darío Eyrée e Valeria Rueda, cunha proposta centrada en paisaxes naturais da provincia de Ourense. As imaxes, tomadas en distintos espazos naturais da provincia, buscan trasladar sensacións de vida, natureza e continuidade vital.

A segunda intervención foi realizada por Paula e Andrea Fernández, cunha proposta máis abstracta e centrada na cor, empregando flores e composicións para construír imaxes abertas á interpretación persoal de cada paciente.

As fotografías, de gran formato en vinilo, instaláronse de xeito expositivo,  completándose con textos poéticos integrados no percorrido visual, contribuíndo a transformar emocionalmente un espazo especialmente sensible para os pacientes que o habitan, as durante semanas, e as veces, meses nos que acoden as sesións.

A Área Sanitaria quere agradecer “expresamente a implicación da Escola Antonio Failde, do seu profesorado e do alumnado participante neste proxecto de colaboración, no que colaborou a Asociación Apetéceme ser Amigo da Área Sanitaria, e que permitiu integrar arte, formación e humanización nun ámbito asistencial de alta complexidade e gran carga emocional”.

Back to top button