SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense reforza a atención ás patoloxías da voz coa incorporación de tecnoloxía de vangarda

O novo láser azul permite abordar patoloxías que antes requirían quirófano de forma ambulatoria

 

O servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Universitario de Ourense conmemora o Día Mundial da Voz poñendo en valor a importancia do coidado da voz e destacando os avances tecnolóxicos que están a transformar o diagnóstico e tratamento das súas patoloxías.

A xefa do servizo de Otorrinolaringoloxía, Celia Lendoiro, subliña que “a voz é unha ferramenta esencial tanto na comunicación persoal como profesional, e a súa alteración pode ter un impacto moi relevante na vida diaria das persoas”. Neste sentido, lembra a importancia de prestar atención a síntomas como a ronqueira persistente, a fatiga vocal ou os cambios na calidade da voz, que poden ser indicativos de patoloxías que requiren avaliación especializada.

Lendoiro destaca tamén o papel clave da Unidade da Voz dentro do servizo, un espazo específico centrado no abordaxe integral dos trastornos vocais: “contar cunha unidade especializada permítenos ofrecer unha atención máis completa e coordinada, adaptada ás necesidades de cada paciente, desde o diagnóstico ata o tratamento e seguimento”.

A responsable do servizo pon o foco na evolución tecnolóxica dos últimos anos: “a tecnoloxía está a avanzar de maneira moi significativa no ámbito da voz, o que se traduce en técnicas máis precisas, menos agresivas e con mellores resultados. Isto supón un cambio importante na forma de tratar moitas destas patoloxías”.

 

 

Pola súa banda, o doutor Rafael Hurtado, da Unidade da Voz, destaca a recente incorporación dun láser azul, unha ferramenta innovadora que permite tratar determinadas lesións das cordas vocais sen necesidade de pasar polo quirófano en moitos casos.

“O láser azul supón un salto cualitativo, xa que nos permite actuar sobre certas patoloxías de maneira máis selectiva e controlada, reducindo o impacto sobre os tecidos sans”, explica Hurtado. “En moitas situacións, o que antes requiría unha intervención cirúrxica con anestesia xeral pode resolverse agora en consulta, de forma ambulatoria”.

 

 

Ademais, o especialista sinala que este tipo de tecnoloxía contribúe a unha recuperación máis rápida e cómoda para os pacientes: “ao ser procedementos menos invasivos, redúcense os tempos de recuperación e as posibles complicacións, o que mellora de maneira notable a experiencia do paciente”.

Hurtado incide tamén na importancia dun enfoque personalizado: “cada voz é única e cada patoloxía require unha valoración individualizada. As novas ferramentas permítennos axustar moito máis os tratamentos ás características de cada caso”.

Co gallo do Día Mundial da Voz, o 16 de abril, o servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Universitario de Ourense quere tamén facer un chamamento á prevención e ao coidado da saúde vocal, especialmente entre profesionais que fan un uso intensivo da voz, como docentes, cantantes ou profesionais da comunicación.

 

Back to top button