SanidadeÚltima hora

O Hospital Universitario de Ourense súmase á celebración do Día Mundial da Seguridade do Paciente

O persoal sanitario da Área Cirúrxica quere dar visibilidade a importancia do check list ou lista de comprobación da seguridade cirúrxica promovida pola OMS e á que Ourense se sumou precozmente

Coincidindo coa conmemoración hoxe do Día Mundial da Seguridade do Paciente, a Área Cirúrxica do Hospital Universitario de Ourense, súmase á celebración desta xornada, coa que a Organización Mundial da Saúde (OMS), lembra a importancia de intensificar o esforzo en seguridade, limitando os riscos derivados do propio proceso asistencial.

O persoal sanitario da Área Cirúrxica quere dar así dar visibilidade ao esforzo diario por garantir un dos procesos asistenciais máis complexos, como o acto cirúrxico, destacando a importancia nesta área do check list, ou lista de comprobación da seguridade cirúrxica, que limita a variabilidade no manexo dos pacientes, reducindo danos evitables e riscos no proceso cirúxico, mediante unha comprobación sistemática, que ten a súa orixe na pilotaxe de avións.

O concepto da lista de verificación (check list) cirúrxica naceu no marco do proxecto “Safe Surgery Saves Lives” (A Cirurxía segura salva vidas) impulsado pola OMS en 2007. O seu obxectivo era mellorar a seguridade do paciente, no ámbito cirúrxico, reducindo erros e complicacións evitables, durante as intervencións. Desde a súa implantación, a nivel mundial, mostrou un impacto positivo inmediato. Un estudo multicéntrico, publicado no New England Journal of Medicine, en 2009, amosou que o uso sistemático da lista de verificación reducía a mortalidade cirúrxica, nun 47%, e as complicacións graves nun 36%.

Pilotar a complexa aeronave dunha intervención

Este protocolo, ao que Ourense se sumou precozmente, consiste nunha guía de verificacións que permiten comprobar a seguridade en tres momentos clave de cada intervención: Antes da anestesia; antes da incisión cirúrxica e antes de que o paciente abandone o quirófano.

Na entrada do paciente á área cirúrxica, antes da anestesia, comprobase a identificación do paciente; revisase a historia clínica; os consentimentos informados; o control de alerxias e o material dispoñible. Nun segundo momento, antes da incisión, reconfírmase da identidade do paciente; compróbase o procedemento e lugar da intervención; revísanse, por parte do persoal de cirurxía e anestesia, os riscos anestésicos e cirúrxicos e, por último, o persoal de enfermería realiza os controis de esterilización e dispoñibilidade de recursos.

Por último, no terceiro momento clave: Antes da saída do paciente de quirófano, e sempre antes de retirar o campo estéril, o persoal de enfermería fai a última comprobación con todo o equipo. Cos cirurxáns, o procedemento realizado, sucesos intraoperatorios importantes e coidados necesarios. Co anestesista: os sucesos intraoperatorios importantes e coidados necesarios. Coa enfermeira instrumentista: reconto de gasas, instrumental e agullas. Por último, identifícanse as etiquetas de mostras biolóxicas ou solicitudes de estudos, comunicando por escrito calquera incidencia ocorrida co equipamento ou a organización prevista.

 

 

Mellorar a coordinación do equipo

A lista de verificación facilita a comprobación de elementos importantes de seguridade, limitando o erros humanos, sen fiar todo á memoria ou experiencia, prevendo así erros evitables. Ademais, como explica Eladio Atrio Padrón, supervisor de unidade en quirófanos, “a súa aplicación mellora a coordinación entre os profesionais e garante que cada paciente reciba unha atención segura en todas as fases da cirurxía”.

Precisamente para poñer en valor esta ferramenta de seguridade, o equipo elaborou un cartaz conmemorativo, que lembra hoxe a celebración do Día Mundial da Seguridade do Paciente nos quirófanos, e se situou na área de acceso. O seu autor é Xurxo del Olmo, administrativo no bloque cirúrxico do Hospital Universitario de Ourense.

Back to top button