CulturaCulturaÚltima hora

O humorista Luis Piedrahita trae ao Barco o 18 de setembro o seu espectáculo “Apocalípticamente correcto”

A actuación abrirá a programación cultural de Outono no Concello do Barco

Cedida.

 

O Concello do Barco, a través da súa concellería de Cultura e Educación, anuncia a actuación de apertura da nova Programación Cultural Setembro – Decembro, que dará comezo despois das Festas do Cristo. Trátase do humorista Luis Piedrahita, co seu espectáculo “Apocalípticamente correcto”, cuxa representación será o vindeiro 18 de setembro, ás 21:00 horas, no Teatro Lauro Olmo.

“O Concello do Barco viuse na obriga de facer o anuncio no día de hoxe, debido á anticipación da venda de entradas que implica a contratación dun espectáculo desta importancia. As entradas sairán á venda mañá martes día 19 de maio, ás 12:00 horas, ao prezo de 22€ máis gastos de xestión, a través de Ataquilla.com, con venda de entradas físicas (un total de 150 unidades) na tenda de música Ton y Son”, segundo o Concello.

O espectáculo

O recoñecido humorista, mago, escritor e guionista Luis Piedrahita presentará o seu novo espectáculo, un enxeñoso monólogo en clave de humor sobre un dos grandes dilemas da humanidade: a liberdade, coproducido por Etiqueta Negra e El Espectador.

En “Apocalípticamente correcto”, Luis Piedrahita reflexiona, co seu particular estilo irónico e surrealista, sobre se realmente somos libres para decidir o noso destino ou se todo está xa escrito. Con temas tan variados e aparentemente inconexos como os horóscopos, as autocaravanas, as anguías eléctricas, o pelo pubiano, o leite de soia, a chuvia ou a liberdade de expresión, o espectáculo convida o público a unha hilarante peregrinaxe polas praderías do absurdo e da imaxinación.

Despois do éxito rotundo de espectáculos anteriores como “El castellano es un idioma loable, lo hable quien lo hable” e “Es mi palabra contra la mía”, Piedrahita regresa aos escenarios co monólogo máis divertido da súa carreira.

O espectáculo supón unha oportunidade única no Barco de Valdeorras para gozar dun dos humoristas máis queridos de España, con máis de vinte e cinco anos de traxectoria na radio, na televisión, no cine e na literatura. Un show imprescindible onde Piedrahita demostra, armado unicamente co seu micrófono e o seu enxeño vertixinoso, que a risa é a mellor maneira de nos enfrontar aos nosos medos e esperanzas.

Back to top button