ConcellosÚltima horaVídeos

O I Premio Pioneiros da Lousa homenaxea a 11 concellos galegos produtores desta pedra natural

 

Na súa primeira edición, o Premio Pioneiros da Lousa, que concede o Clúster da Pizarra de Galicia, homenaxeaba aos once concellos da comunidade con maior tradición louseira,  aqueles que “teñen realizado unha aposta decidida polo sector e sen cuxa colaboración e diálogo sería moi difícil realizar a nosa actividade”, dicía no acto de entrega dos galardóns, en palabras do presidente desta entidade, Víctor Cobo.

A gala destas distincións, unhas pezas en lousa obra do artista valdeorrés Alejandro Álvarez, marcaba o final da gala celebrada neste 21 de novembro no Complexo Hostaleiro Paladium en Vilamartín. Antes de cada entrega facíase unha proxección de imaxes dos concellos premiados: Ortigueira, A Fonsagrada, Mondoñedo (que non contaba con representación no acto), A Pastoriza, Lourenzá, Samos, Pol, Quiroga, Folgoso do Courel, Vilamartín e Carballeda de Valdeorras.

 

 

Na entrega seguíase esa mesma orde, así o primeiro en recoller o premio era o alcalde de Ortigueira, Valentín Calvín; logo o tenente de alcalde da Fonsagrada, Silbán Rodríguez; a tenente de alcalde de Mondoñedo, María Ángeles Domínguez; o tenente de alcalde da Pastoriza, Marcos García; o concelleiro de Samos José Manuel López, o alcalde de Pol, Lino Rodríguez; a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera; o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez; e a alcaldesa de Carballeda de Valdeorras, María Carmen González.

Era precisamente a alcaldesa de Carballeda, quen, en nome do resto dos concellos, agradecía este recoñecemento e poñía en valor o gran labor dos pioneiros da lousa.

 

 

Os diferentes galardóns eran entregados por representantes do mundo da cultura, a educación, o deporte, a empresa (como era o caso da presidenta da CEO, Marisol Novoa), da viticultura (como o presidente do CRDO Valdeorras, Marcos Prada) e das administracións, como sucedía co subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, ou co director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández.

Fotos e vídeo: O SIL.

Back to top button