OurenseÚltima hora

O I Salón do Vehículo Clásico de Expourense sorprende ao público por cantidade e calidade

Participan unha trintena de empresas especializadas, clubs galegos e nacionais e máis de 120 vehículos clásicos, de época e de competición

 

O I Salón do Vehículo Clásico vén de abrir as súas portas esta mañá en Expourense, recibindo unha boa afluencia de visitas que mostraron a súa satisfacción e sorpresa ao visitar o recinto e comprobar a cantidade e calidade dos vehículos expostos, así como a variedade na área de venda na que participan unha trintena de expositores que ofrecen recambios, compoñentes, accesorios, ferramentas, miniaturas, placas, produtos de limpeza e pulido, pintura, cadros, revistas etc. O salón continúa mañá domingo en horario de 11.00 a 20.30 h.

Destaca ademais a presenza como expositores de tres dos máis importantes carroceiros de Galicia especializados en coches clásicos e de rallyes. De feito, a eles pertencen algúns dos vehículos que máis interese espertaron entre as visitas. O primeiro deles é, como era de esperar, o Alpinche de Reverter, reconstruído pola empresa ourensá Marvic Sport que participa como expositor xunto á empresa Past-Autos, tamén da provincia de Ourense. Entre os numerosos coches que trouxeron como exposición destaca tamén o Ford Sierra Cosworth co que o piloto Asier Santamaría gañou o Campionato de España de Rallye de Clásicos. Dentro e os coches de competición destaca tamén o Porsche Aurora de Nacho Casla.

Ademais dos coches de competición, o salón ofrece vehículos clásicos e de época entre os que pode atoparse un Delahaye de 1938 que pertence a un particular ou a réplica do mítico Jaguar XKSS Le Mans edition realizada por Juan Lumbreras, outra das grandes empresas de clásicos en Galicia. Do Jaguar orixinal só existen 16 unidades no Mundo. Tamén se poden atopar un autocar Mercedes Ou 3500 de 1954; un camión Ebro B45 de 1962 cedido por Desguaces Montes ou dous camións clásicos de bombeiros do Concello de Ourense.

 

 

A maiores das empresas expositoras, este salón conta coa participación dunha quincena de clubs de afeccionados aos clásicos procedentes tanto da provincia de Ourense como a Escudería de Ourense de Clásicos, o Club Nipón Ourense, Clásicos do Arenteiro, Clásicos da Ribeira Sacra ou os Clubs de Vespa de Ourense e Verín, ata clubs nacionais como Lancia España, Seat España ou o Club Clásicos Ford España, Ford Festa Adictos, entre outros.

Outro dos atractivos desta primeira edición do salón é o Aparcadoiro de Clásicos no que aparcan o seu coche os visitantes que se despracen ata o recinto no seu clásico (ata 1993, con 30 anos de antigüidade como mínimo). Entre os expostos nesta primeira xornada destaca un Corvette de 1972.

Organizado por Expourense, esta primeira edición do Salón do Vehículo Clásico conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense. A entrada para o público ten un custo de 5 euros, sendo gratuíta para os menores de 12 anos e tamén para aqueles que acudan cun clásico e apárqueo na zona habilitada.

Con esta cita, Expourense crea unha nova cita feiral relacionada coa automoción que suma aos dous Salóns do Automóbil (Novo e de Ocasión) e ao Car Outlet e que dá resposta á gran afección polo automobilismo na provincia de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button