CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES Carlos Casares de Viana volve participar nun encontro intercentros para reflexionar sobre a convivencia dende o eido escolar

Unha das actividades levadas a cabo no encontro do ano pasado./ Foto cedida.

 

Un cento de estudantes de Viana do Bolo, Boiro, Brión, Bueu e Silleda participan hoxe, no Auditorio de Bandeira (Silleda), nun encontro creativo para reflexionar e promover boas prácticas nos centros educativos. A iniciativa enmárcase no proxecto de Educación Mediática, Innovación Didáctica e Cidadanía Global EpDLab (Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento), impulsado pola ONGD AGARESO (Asociación de Comunicación para o Cambio Social) co apoio de Cooperación Galega.

Este encontro creativo busca que o alumnado participante aplique as aprendizaxes da aula a situacións reais e complexas, traballando en grupos con alumnas e alumnos doutros centros galegos. “Deste xeito, potenciamos a aprendizaxe entre iguais e por proxectos, e facilitamos que a mocidade de lugares diversos de Galicia interactúe nunha actividade creativa e educativa”, explican dende AGARESO, asegurando que isto “permítelles coñecer mellor a súa comunidade e a diversidade socio-cultural da mesma, entendida como riqueza para a colaboración e a mellora de competencias transversais”.

Este alumnado participa durante todo o curso 25-26 en EpdLab, un proxecto de innovación educativa que vén desenvolvendo AGARESO dende 2015 en centros de toda Galicia, e que traballa temáticas como as migracións, o medio ambiente, o consumo responsable, a veracidade das mensaxes e a desinformación, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través da educación mediática. Todos os produtos creados, así como o proceso de creación dos mesmos, servirán para coñecer a visión de futuro da mocidade galega, representada por estes grupos procedentes de cinco institutos diferentes.

Dende os seus comezos, “EpdLab traballou con máis de 1000 estudantes da ESO e Bacharelato e máis de 70 docentes, estableceu colaboracións con grupos de investigacións e co Mestrado de Profesorado da USC e compartiu a súa experiencia en máis de 30 congresos e foros especializados, tanto en Galicia como no resto de España, e a través de diversos artigos de investigación”, aseguran dende a organización do evento.

Back to top button