O 17 de xuño foi un día especial para o IES Cosme López Rodríguez da Rúa. Dúas semanas despois de acoller os exames da PAU 2026, o instituto rués despedía a cinco traballadoras que marcaron unha época, cada unha no seu ámbito, catro como profesoras (Mariangel, Cutús, Teresa e Manuela) e unha como responsable da mítica cafetería (Carmen).
A que máis anos levaba no centro, 35, é Mariangel González Santos, profesora de Matemáticas con 45 anos na ensinanza que marcou a vida escolar de miles de alumnos entre os que me atopo, lembrándoa como unha das mellores profesoras que me deron clase. Estivo tamén máis de 20 anos no Equipo Directivo como Xefa de Estudos.

María Jesús Fernández Maseda, máis coñecida como Cutús, excelente profesora de Bioloxía, leva 42 anos na ensinanza e en setembro faría 34 no Cosme López Rodríguez, os dous últimos como Xefa de Estudos, moi coñecida e querida, dentro e fóra do instituto.
Teresa Cereijo Seijo, gran profesora de Inglés, estivo 38 anos na ensinanza, 31 deles no Cosme López; sendo Manuela Domínguez Real, profesora de Física e Química, a que menos anos estivo no instituto rués, 19 dos 35 que levaba como docente.

Con respecto a Carmen López Rodríguez, en setembro faría 30 anos á fronte da cafetería, un mítico espazo de esparexemento, frecuentado por todo o alumnado.
As cinco mulleres recibían unha máis que merecida homenaxe por parte de compañeiros e alumnos que incluía unha actuación de tres pezas musicais e a lectura dun texto elaborado por dúas alumnas de 1º de Bacharelato, a cargo de alumnado do centro, sen dúbida un momento moi emotivo para todos os presentes, que remataba cun xantar.

Fotos cedidas.

