CulturaCulturaEducaciónÚltima horaVídeos

O IES Lauro Olmo do Barco celebra o 50º aniversario nun emotivo acto cheo de reencontros e grandes doses de nostalxia e alegría

 

Convertido nun centro de referencia, un dos máis grandes e con maior oferta educativa que mestura á perfección os estudos de Bacharelato e Formación Profesional, celebraba o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o seu 50º aniversario.

 

 

Medio século no que pasaron polo instituto miles de alumnos e numerosos profesores, algúns que empezaron estudando e acabaron dando clase. E non todos, porque resultaría imposible, pero moitos deles, dende a primeira promoción do ano 1975/1976 reuníanse no mediodía deste sábado 18 de abril nun acto emotivo, cheo de reencontros con apertas e bágoas incluídas, e grandes doses de nostalxia pero tamén ledicia e ilusión.

 

 

Compartindo protagonismo coa actual directora, Amparo Quiroga, estaban a primeira directora que tivo o instituto no ano 75, cando aínda non se chamaba Lauro Olmo, Amparo Folla; e outros dous ex profesores, Aurentino Alonso, alcalde do Barco e Eladio Santos, subdelegado do Goberno en Ourense. Xuntos descubrían a placa do aniversario á entrada do centro, o primeiro dos actos da xornada de celebración.

 

 

A seguinte era o simulacro (xa estaba plantado) de plantación dunha fermosa oliveira no patio central, co que moitos contribuíron botando paladas de terra. Xunto á entrada había un posto con camisetas, tote bags, tazas, chaveiros, chapas… (á venda para a axudar a financiar as excursións de de fin de curso) elaborados durante meses de traballo polos equipos da aula de Polos Creativos, funcionando a pleno rendemento para dar forma a moitos estes e outros elementos que se viron durante a celebración.

 

 

De camiño ao salón de actos onde tiñan lugar as intervencións, a parada era obrigada na mostra de fotos de diferentes promocións. De orlas, grupos de excursión, momentos divertidos,… dos profesores, dos alumnos,… Cincuenta anos dan para moito e aí quedaban reflectidos algúns dos momentos máis destacados.

 

 

E xa no acto central, interviñan Eladio Santos, Aurentino Alonso e Amparo Folla, quen lembrou os inicios e todos os anos que compartiu no centro, 18 como profesora e 20 como directora, “cun compromiso serio e unha clara vocación á educación, coa democratización das aulas e da comunidade educativa como un dos nosos obxectivos, de diálogo, de respecto, de cariño, acompañada dun excelente equipo”, dixo emocionada, asegurando que para ela este instituto “ten sido unha forma de entender a educación nunha etapa na que me tocou abrir camiño”, ao ser “a primeira directora do instituto e da comarca unha das tres mulleres da provincia na que había 33 directores”, aceptando esa dificultade como “unha responsabilidade porque sabiamos o que queriamos un centro esixente, cun nivel de educación pedagóxica profundamente humana”.

 

 

A xulgar polos que alí falaron e o que dixeron, está claro que o conseguiron. Entre as intervencións, non faltaron a de Cristina, alumna de 1º da ESO; a de Pablo e Lara en nome do alumando de Bacharelato; Adela, profesora de Lingua; Chus, ex profesora de Galego en representación “dos que xa non están pero siguen presentes”. Tamén houbo un detalle para o ex profesor de debuxo e deseñador do logo do aniversario, Juanjo, pechando o acto a directora, Amparo Quiroga quen lembrou ese “medio século de historia, de aprendizaxe, de crecemento e sobre todo de vidas transformadas a través da educación. Cincuenta anos que representan xeracións enteiras de estudantes valdeorreses e valdeorresas que pasaron por estas aulas deixando a súa pegada e levando consigo o coñecemento e os valores que este centro soubo inculcarlles”, dixo, explicando aos presentes que o nome do instituto foi elixido nunha eleccións entre tres: Chano Piñeiro, Florencio Delgado Gurriarán e Lauro Olmo.

 

 

Como dato significativo das miles persoas que pasaron polo centro, Amparo indicou que actualmente son 72 profesores e 526 alumnos.

O broche á xornada poñía un xantar no propio pavillón do instituto.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Back to top button