Na xornada deste luns 23 de marzo o IES Lauro Olmo iniciaba unha semana de convivencia internacional no marco do programa Erasmus+, coa recepción de 15 alumnos de Formación Profesional de Administración y Comercio do Lycée Santos Dumont, situado á aforas de París.
A xornada comezaba coa recepción oficial e unha serie de actividades que combinan formación académica, convivencia e intercambio cultural e, tal como indican dende o instituto barquense, a semana continuará cun completo programa xunto ao alumnado barquense do Ciclo Medio de Xestión Administrativa, do Ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e do Ciclo Superior en Administración e Finanzas, que actuarán como anfitrións. “O obxectivo é fomentar o traballo colaborativo, o uso de linguas estranxeiras e o coñecemento de diferentes ámbitos profesionais, tanto do sector administrativo coma do social”, indican.

Durante estes días, os estudantes participarán en obradoiros técnicos vinculados á xestión e administración de empresas, pero tamén coñecerán a parte máis práctica do centro a través de actividades de primeiros auxilios e inclusión. Ademais, “o intercambio sae das aulas para descubrir o potencial económico e cultural da zona, cunha visita guiada polo Barco e unha excursión a Ponferrada para coñecer a empresa STAC, o Museo da Enerxía e o Castelo dos Templarios”.
O intercambio terá continuidade o vindeiro curso, cando será o alumnado dos ciclos de Xestión Administrativa e de Atención a Persoas en Situación de Dependencia do IES Lauro Olmo, quen devolverá a visita a París, consolidando así este proxecto de colaboración internacional.
Con iniciativas como esta, o IES Lauro Olmo “reforza o seu compromiso cunha Formación Profesional de calidade, aberta a Europa e orientada a mellorar a empregabilidade e a formación integral do seu alumnado”, aseguran dende o centro educativo.
Fotos cedidas.