Cambiando de ubicación e de horario pero mantendo o obxectivo de dar visibilidade á oferta coa que conta o instituto que hai un mes celebraba o 50 aniversario, os alumnos de Formación Profesional do IES Lauro Olmo do Barco volvían saír á rúa para amosar os diferentes ciclos formativos.
Así, na tarde deste martes 19 de maio, o paseo do Malecón acollía unha mostra con seis postos correspondentes ás familias profesionais que se desenvolven no centro e que inclúen os seguintes ciclos: CM Xestión Administrativa; CM Instalacións Eléctricas e Automáticas; CM Electromecánica de Vehículos; CM Coidados Auxiliares de Enfermería; CM Atención a Persoas en Situación de Dependencia; CM Peiteado e Cosmética; CM Peiteado e Cosmética Capilar; CS Administración e Finanzas; CS Viticultura; CB Mantemento de Vehículos; e CB Peiteado e Estética. E en cada un, tanto o profesorado como o propio alumnado atendían a todo aquel que se achegaba para obter información.
Tamén houbo demostracións prácticas dalgunhas das competencias que se adquiren na formación profesional como peiteados e prácticas sanitarias, expoñéndose ademais materiais e ferramentas empregadas en cada unha das especialidades.
A mostra comezaba ás seis da tarde e estará ata as oito aproximadamente, para chegar ao maior número de público.

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.