CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O IES X. Taboada Chivite de Verín, entre os galardoados nos Premios Meninas de Galicia

Estas distincións, que concede a Delegación do Goberno en Galicia, chegan á súa oitava edición en Galicia destacando a persoas e entidades polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, o apoio ás vítimas e a loita pola igualdade

Exterior do IES Taboada Chivite, de Verín.

 

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, vén de comunicar os Recoñecementos Meninas de Galicia, que concede a Delegación do Goberno por oitavo ano consecutivo na Comunidade, e que recaen na ONG ACCEM Galicia, na Deputación da Coruña, na Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo, no IES Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense), e na profesora e decana da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, Enma Torres-Romay.

Pedro Blanco trasladou persoalmente a decisión á cada persoa e entidade distinguida facéndolle chegar a noraboa e o agradecemento do Goberno polos valores que trasladan co seu traballo e co seu exemplo vital. Delas e deles dixo que “representan a unha Galicia feminista, que rexeita o machismo e a violencia que se exerce contra unha muller polo feito de selo e que loita pola igualdade en todos os ámbitos”.

Os Recoñecementos Meninas foron creados no ano 2004 polo Goberno de España e concédense en Galicia desde o 2018, coa chegada de Pedro Sánchez ao Goberno. As distincións seleccionan a persoas e entidades que sobresaen polo seu compromiso na erradicación da violencia de xénero, no apoio ás vítimas e na loita pola igualdade e teñen como escenario a celebración do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller.

En Galicia, as Meninas acadan este ano a súa oitava edición consolidando a determinación da Delegación do Goberno en Galicia de trasladar estes recoñecementos ao ámbito autonómico. O acto institucional de entrega dos mesmos, queE presidirá o delegado do Goberno, celebrarase o vindeiro 21 de novembro, nos días previos ao 25N, no Hostal dos Reis Católicos, en Santiago de Compostela.

Mencións honoríficas

O xurado dos Recoñecementos Meninas acordou tamén a concesión de cinco mencións honoríficas: unha autonómica e catro provinciais. Estas mencións recaen este ano en María Elena Steinger, fiscala delegada da especialidade de Violencia sobre a Muller en Galicia; no Equipo EMUME da Comandancia da Garda Civil da Coruña; no Equipo Viogen da Compañía da Garda Civil de Monforte de Lemos (Lugo); no policía nacional Ramón Salvador Álvarez Álvarez, destinado na Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia en Ourense; e na unidade UFAM da Comisaría da Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Distinción á ‘Comunicación en Igualdade’

Por terceira vez, os Recoñecementos Meninas contemplan a distinción a xornalistas, empresas e/ou proxectos de comunicación social de Galicia que promovan os valores de igualdade e a erradicación da violencia machista. Nesta categoría, baixo a denominación ‘Comunicación en Igualdade’, a Delegación do Goberno en Galicia conta coa colaboración do Colexio Oficial de Xornalistas de Galicia, como entidade asesora.

Este ano, esta mención especial recae na xornalista galega Tareixa Navaza, figura feminina clave do xornalismo radiofónico e televisivo de Galicia desde finais dos anos 60, profesional que trasladou a realidade á sociedade galega con rigor ao tempo que reivindicou o feminismo diante e detrás da cámara.

 

Imaxe da entrega dos recoñecementos Meninas do pasado ano.

 

Os Recoñecementos Meninas 2025

ONG ACCEM Galicia. A delegación en Galicia de ACCEM abriu as súas portas na cidade da Coruña no ano 2006. Ademais da súa traxectoria como entidade especializada en estranxeiría e no dereito de asilo e refuxio, ACCEM é, tamén, unha das organizacións acreditadas a nivel estatal en materia de trata de seres humanos. Na Coruña, ACCEM ten unha longa traxectoria na atención e acompañamento integral a mulleres vítimas de trata ou explotación sexual; impulsando paralelamente espazos de atención e interlocución como a Rede Galega contra a Trata Sexual.

Desde o ano 2019, ACCEM A Coruña desenvolve o programa ‘Atención integral a mulleres vítimas de trata sexual e/o persoas prostituídas’ que proporciona atención integral e acompañamento a mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual, explotación sexual e/ou situación de prostitución, independentemente da súa situación administrativa, orixe, nacionalidade ou identidade de xénero.

Asociación Penitenciaria Concepción Arenal de Lugo. Asociación sen ánimo de lucro que nace en 1989 na cidade de Lugo cun manifesto espírito de colaboración e de cooperación social e institucional. A Asociación desenvolve un programa de atención integral para mulleres en situacións pre, intra e post penais e para familiares afectados pola situación de internamento. Este programa aborda de maneira global as necesidades das mulleres en situacións de vulnerabilidade social, dentro e fóra dos centros penitenciarios, outorgando gran importancia á escoita activa no apoio emocional.

A nivel xeral, a organización están integrada por voluntarios e voluntarias que traballan cos obxectivos de traballar a favor da reeducación e reinserción social das persoas máis vulnerables vinculadas ao sistema penal, e de promover a equidade, a igualdade e a cohesión social co resto da cidadanía das persoas que foron sancionadas con penas privativas de liberdade.

Instituto de Educación Secundaria Xesús Taboada Chivite de Verín (Ourense). O proxecto educativo deste centro pon o foco na igualdade entre mulleres e homes, na non discriminación e na prevención da violencia de xénero. Dentro deste obxectivos, desenvolve desde o curso 2016-2017 o Programa de convivencia institucional TEI (‘Titorías Entre Iguais’) no que participa toda a comunidade educativa, co fin de mellorar a integración escolar, creando un centro inclusivo e non violento. Ano tras ano o programa foi adaptándose ao centro e ás demandas da comunidade educativa, dando lugar ao programa ChiviTEI, que actualmente é un dos selos característicos deste centro.

O programa busca sensibilizar ás familias da importancia da convivencia positiva, empodera ao alumnado como suxeito dinámico da convivencia, promove entre eles e elas unha relación social saudable e baseada no respecto e prevén o acoso escolar, o ciberacoso e outras formas de violencia, favorecendo a resolución pacífica dos conflitos.

Enma Torres-Romay. Emma Torres-Romay é decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra), profesora titular de Estratexias de Comunicación na Facultade de Comunicación, membro do Grupo de ‘Investigación en Comunicación para o Servizo Público (SEPCOM)’ e do Grupo de Innovación docente ‘Dixitais’.

É artífice dunha colaboración pioneira coa Subdelegación do Goberno en Pontevedra para poñer a disposición dos concellos desta provincia materiais para desenvolver campañas de prevención da violencia de xénero, a través da participación do alumnado do Máster de Publicidade da Facultade de Ciencias da Comunicación. Este colaboración xerou materias e lemas que xa se están empregando con motivo deste 25N nos municipios de Moaña, Lalín, Sanxenxo, Redondela e Ponteareas. As campañas están centradas na prevención no colectivo de mulleres inmigrantes para evitar a dobre vitimización.

Deputación Provincial da Coruña. A Deputación Provincial da Coruña conta cunha ampla traxectoria de traballo, dedicación e compromiso na erradicación da violencia contra as mulleres por razón de xénero en todas as súas formas: violencia de xénero, trata de mulleres con fins de explotación sexual, así como na atención e recuperación das vítimas.

Neste ámbito, impulsa programas de prevención e sensibilización en centros educativos e na sociedade da provincia, fomentando a educación en igualdade e a prevención das violencias de xénero; colabora con entidades e asociacións que traballan na protección e recuperación das vítimas; e impulsa campañas de concienciación e formación dirixidas á cidadanía e ás profesionais, promovendo unha resposta eficaz ante os casos de violencia de xénero.

A nivel orzamentario, a Deputación da Coruña convoca subvencións anuais a entidades sen ánimo de lucro, dirixida ao desenvolvemento de políticas de igualdade de oportunidades e loita contra a violencia de xénero. Tamén apoia economicamente aos concellos de menos de 20.000 habitantes, contribuíndo ao financiamento do persoal técnico e axentes de igualdade para a dinamización e o desenvolvemento de políticas de igualdade.

Anteriores edicións

Estas persoas e entidades súmanse a unha longa lista iniciada no ano 2018. Dende entón, os Recoñecementos Meninas distinguiron a asociacións como: Fademur, Faraxa (Vigo), Ecos do Sur, Fundación Amaranta (Ourense), ONG ValoReSC (Ourense); Fundación Meniños, Asociación Sí hai saída (Lugo); as casas de acollidas de Ferrol e A Coruña ou a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos (Vigo). Entre as persoas recoñecidas están a artista Guadi Galego, a editora Teresa Zarataín, a actual Valedora do Pobo, xuristas como os maxistrados Fernando Lousada, Miguel Filgueira e Paz Filgueira, e os avogados e avogadas integrantes do turno de oficio en materia de violencia de xénero. Finalmente, entidades como a Deputación de Pontevedra, a Oficina de Igualdade da Universidade de Vigo e os equipos Viogen da Garda Civil e as UFAM da Policía Nacional tamén foron distinguidas nestes anos.

Back to top button