CulturaCulturaÚltima hora

O IEV e o IEB selan o seu irmandamento cunha conferencia sobre “A histórica provincia do Bierzo”

Este acto que poñía en valor a “dúas institucións cun mesmo obxectivo: defender o proxecto e o legado das dúas comarcas”

 

O Salón de Actos da Casa Grande de Viloira (O Barco) acollía esta tarde a segunda xornada do Irmandamento do Instituto de Estudos Bercianos co Instituto de Estudos Valdeorreses, que contou coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia. Tras o acto inicial celebrado en Carracedelo, onde se asinou a “Acta de Irmandamento” o 15 de novembro, esta iniciativa cultural desprazouse ao Barco de Valdeorras para reafirmar os numerosos puntos en común do IEB e o IEV, baixo o lema “Dúas institucións cun mesmo obxectivo: defender o patrimonio e o legado de dúas comarcas históricas”.

Os asistentes a esta xornada puideron gozar dunha conferencia de altísimo nivel sobre “A histórica provincia do Bierzo”. Os relatores foron o profesor de Historia Contemporánea da UNED, Francisco Balado Insunza, e o Catedrático de Historia, Vicente Fernández Vázquez, quen ofreceu á audiencia un completo estudo sobre a provincia que uniu as comarcas de Valdeorras e O Bierzo, entre 1821 e 1823. Esa unidade territorial, que tiña como capital a Villafranca del Bierzo, foi unha das máis pequenas, no que ao número de habitantes refírese, da historia de España. Durante o relatorio, puidéronse escoitar as intervencións a favor e en contra da creación desta provincia, que realizaron tanto deputados nas Cortes Xerais, como alcaldes valdeorreses e bercianos nese primeiro cuarto do Século XIX. Tamén tiveron especial interese as razóns que provocaron que a capitalidade se lle concedese a Villafranca, aínda que Ponferrada xa fose nese momento moito máis grande.

Acto de apertura

A segunda xornada do acto de Irmandamento comezou cos discursos de apertura a cargo dos organizadores e as principais autoridades presentes. O presidente do instituto valdeorrés, Aurelio Blanco Trincado, e a presidenta da entidade berciana, Mar Palacio Bango, coincidiron ao sinalar que “as nosas institucións xa levaban colaborando moitos anos. Celebrar este irmandamento era unha débeda histórica para dúas organizacións culturais que sempre nos apoiamos en todo o que puidemos, para desenvolver proxectos e estudos de alto nivel”.

Tamén interviñeron os alcaldes de Carracedelo, Raúl Valcarce Díez, e de Villafranca del Bierzo, José Manuel Pereira Vega, quen destacou que “os bercianos cando vimos a Valdeorras sentimos como na casa. Os nosos nexos de unión son moitísimos, polo que nos parece un gran acerto que estas dúas institucións se teñan irmandado”.

 

 

O xefe da área provincial de Ourense da Axencia de Turismo de Galicia, Cecilio Santalices Mourille, pola súa banda, quixo poñer en valor “os múltiples atractivos que teñen en común Valdeorras e o Bierzo, como, por exemplo, o enoturismo e o turismo industrial. Dúas comarcas unidas polo Sil, que estou seguro que cada vez recibirán máis visitantes. Tanto nacionais como internacionais”.

Pechou o acto de apertura o alcalde do Barco de Valdeorras, Aurentino Alonso Araujo, quen, ademais de falar dalgúns dos nexos de unión das dúas comarcas, quixo destacar que “para que Valdeorras e o Bierzo crezan, para conseguir consolidar poboación nos nosos concellos, é imprescindible que consigamos mellorar as nosas infraestruturas, os servizos sociais e a asistencia sanitaria. Debemos seguir reclamando conxuntamente ás diferentes administracións que aumenten as partidas orzamentarias destinadas a esta zona, porque actualmente existen deficiencias que difucultan enormemente o crecemento de Valdeorras e O Bierzo”.

Turismo industrial

Ao finalizar a conferencia, comezou un debate entre os relatores, as autoridades e os asistentes; mentres gozaban de viños da Denominación de Orixe Valdeorras, acompañados por petiscos tradicionais. Durante ese debate, xa se avanzaron detalles dunhas próximas xornadas sobre “O turismo industrial no Bierzo e en Valdeorras”, que se celebrarán no mes de xaneiro de 2026 en varios concellos das dúas comarcas.

 

Back to top button