O Instituto de Estudos Valdeorreses e o Instituto de Estudos Bercianos veñen de anunciar o seu Irmandamento que selarán cun acto central que terá lugar o próximo 15 de novembro, ás 19 horas, no Restaurante El Oro de Roma, en Carracedelo.
Baixo o lema “Dúas institucións cun mesmo obxectivo: defender o patrimonio e o legado de dúas comarcas históricas”, o acto contará coa presenza do reitor da Basílica de La Encina, D. Antolín de Cela Pérez, como pregoeiro. Ademais, terán lugar as actuacións musicais do grupo valdeorrés de música tradicional Trenla e da Coral Voces do Bierzo. Ao concluír o acto, celebrarase un magosto popular gratuíto para os socios do IEV.

“Para todo aquel que o desexe, habilitarase un autobús que sairá ás 18:15 horas da praza do Concello do Barco, sen custo para os participantes. Para reservar unha praza, tanto para o magosto como para o autobús, será obrigatorio o envío dun correo electrónico a info@comunicando.gal ou chamar ao teléfono 988 50 93 94 antes do 13 de novembro”, explican dende o IEV.
Acto en Valdeorras
O sábado día 13 de decembro, terá lugar unha conferencia a partir das 20 horas, na Casa Grande de Viloira. Os relatores Francisco Balado Insunza, Profesor de Historia Contemporánea da UNED, e Vicente Fernández Vázquez, Catedrático de Historia, desenvolverán a “Conferencia sobre a Histórica Provincia do Bierzo”. Ao finalizar o acto, os asistentes poderán degustar viños da D.O. Valdeorras, acompañados de petiscos tradicionais.
Este proxecto conta co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, que tamén colaborou noutras iniciativas recentes que o IEV puxo en marcha, como o II Concurso de Espantallos e o XIII Concurso de Fotografía Manuel Blanco Pascual.