O Instituto de Estudios Valdeorreses presenta a II edición do seu Concurso de Espantallos baixo o lema “Os gardiáns das hortas”. Con esta iniciativa, tal como manifesta o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, “preténdese poñer en valor unha figura fundamental do rural galego, que podemos ver ao longo da nosa xeografía en calquera horta ou explotación agrícola. Un elemento que en moitas ocasións nos sorprende pola gran orixinalidade coa que os seus autores a decoran. Tanto os particulares coma os profesionais”.
Os interesados poden presentar as súas obras, que deben ter un tamaño non inferior a un metro nin superior a dous, ata o 25 de febreiro. As tres mellores obras seleccionadas polo xurado recibirán un premio de 500, 300 e 200 €, que recibirán o primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente. Indepentemente dos premios, o Instituto de Estudios Valdeorreses organizará unha exposición con todos os espantallos que os participantes presenten ao concurso, que se celebrará nos xardíns da Casa Grande de Viloira, no Barco de Valdeorras. Posteriormente, todas esas figuras se colocarán ao longo do Camiño de Inverno ao seu paso pola comarca.

Julio Pérez Veiga, membro da Xunta Directiva do IEV, quixo destacar na presentación celebrada na biblioteca da Casa Grande de Viloira, no Barco, que “presentaremos esta iniciativa aos colexios e institutos valdeorreses, para incentivar a participación dos seus alumnos e profesores. Se o número de obras presentadas o permitise, instalarianse algúns espantallos en lugares nos que poidan ser admirados polos nenos, tales como centros escolares, parques e xardíns.”
Para valorar o esforzo dos máis pequenos que queiran participar neste concurso, os nenos entre 5 e 10 anos poderán participar de forma individual con bonecos de 30 a 50 cm, e non precisarán soporte algún. Neste caso, non se establece premio en metálico, e aos tres primeiros clasificados nesta categoría faráselles entrega dun agasallo e dun lote de libros.

O presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Aurelio Blanco Trincado, agradece á Axencia de Turismo de Galicia “a súa axuda para poder organizar esta iniciativa. Unha acción que se enmarca dentro do acordo de colaboración entre o IEV e Turismo, para poder en valor os atractivos patrimoniais, culturais e turísticos da nosa comarca”.
Dentro das actividades que se están desenvolvendo gracias a este proxecto conxunto, ata o 24 de outubro áinda está aberto o prazo para participar no XII Concurso Fotográfico Manuel Blanco Pascual. O tema desta edición é “O patrimonio material e inmaterial que atopa o peregrino que fai o Camiño de Inverno por Valdeorras”.

Fotos: Carlos G. Hervella.