
O vindeiro luns 23 de xuño arrinca a segunda edición de “Verán En Acción”, sendo un ano máis “o primeiro campamento en poñerse en marcha para este verán na nosa comarca”, din dende a organización, explicando que, “como xa é costume e buscando a conciliación das familias arrinca o primeiro día de vacacións escolares” celebrándose novamente nas instalacións do Colexio Divina Pastora do Barco, baixo a dirección de André Faria e a súa empresa de Lecer e Deporte escolar MOVEMENT SL.
Trátase dunha nova posta en marcha que chega con novidades como, monitor nativo en inglés, servizo comedor, aulas de conciliación e volverá contar con talleres impartidos polos clubs deportivos da comarca para “potenciar o deporte base e as súas categorías inferiores”.

Unha programación que volve brillar polo deporte, lecer e as saídas na natureza para o desenvolvemento e diversión dos cativos que “non podemos esquecer que están na súa etapa de vacacións e o que máis queremos é que gocen ao máximo un ano máis deste novo verán xunto aos nosos monitores”, di André.
O campamento, que conta con educadores infantís profesionais, bate neste 2025 o seu récord de asistencia chegando ás 75 prazas polas 55 ofertadas no ano anterior. “Un campamento que creceu sen dúbida polo bo facer de todos os profesionais que o rodean, monitores, equipo directivo do colexio e André Faria con Movement SL que tamén volverá ter a adxudicación pública do Campamento do Concello de Rubiá en xullo e agosto”, adiantan dende a organización.
