CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O “II Festival de Cine do Condesa” celebrarase o 15 de xuño no Teatro Lauro Olmo do Barco

Cedida.

 

O vindeiro luns, 15 de xuño, ás 10:30 h, o alumnado do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco acudirá ao Teatro Lauro Olmo para asistir ao seu segundo “Festival de Cine do Condesa”. Na sesión se poderanse ver unha boa parte das producións audiovisuais realizadas no colexio este ano, abranguendo distintos tipos de contidos.

“Nun primeiro lugar proxectarase un pequeno booktrailer realizado polo alumnado para promover a lectura dun libro en concreto. Os booktrailers son unha versión mellorada, máis cinematográfica e participativa dos booktubers que se facían hai uns anos. Seguidamente se realizará unha proxección dun pequeno vídeo de divulgación científica, onde se nos explicarán algúns conceptos que nos farán máis comprensible o espectáculo marabilloso que imos observar no solpor do vindeiro 12 de agosto”, adiantan dende este centro de ensino.

Despois, e no plano da animación stopmotion, proxectarase Chocolata, unha produción realizada hai dous anos e que acadou un accésit no concurso de “Nós Tamén Creamos”. “Por último temos un moi interesante vídeo que nace das participantes no Reading Club, o club de lectura en inglés do noso colexio, e que nos vai levar a unha aventura chea de humor e de dinamismo”, enganden dende o centro.

Por problemas de aforo, explican ademais, esta actividade só terá como destinatarios ao alumnado do segundo e terceiro ciclo de primaria, “pero iremos colgando estas producións na nosa páxina web para que todo o mundo poida desfrutar delas”.

Back to top button