
Coa finalidade de dinamizar o comercio local e incentivar o sector da artesanía o Concello de Quiroga organiza novamente un Mercado de Nadal, de comercio local e artesanía. A praza España acollerá os días 27 e 28 de decembro este mercado entre ás once da mañá e as dúas do mediodía e pola tarde entre as catro e as oito.
Representando ao comercio de proximidade e ao sector da artesanía haberá 15 postos que se situarán nunha gran carpa: Etna (roupa, calzado e complementos), Xobel (roupa, bolsos e bixutería), Libraría Celia (libros e xogos educativos e de mesa), Aramel (mel da serra do Courel), Caurelor (marmeladas, castañas ao baleiro e mel), Riomao Estudio Creativo (artesanía da Ribeira Sacra especialista en bixutería, decoración, chaveiros, colgantes…), Trapalladas Artesanía (bixutería en prata e coiro), Hery Cremas (cosmética), Shadewolf (bixutería), A Rabuda (candeas de cera de xirasol e láser), Elgoal (ilustración e obxectos domésticos), Queixería Cumbres de Trevinca (queixos), Katoka Flowers (xoiería botánica), Crepería (filloas e gofres) e Feito con Love (bixutería).
Para fomentar o interese polos oficios e pola artesanía vanse realizar obradoiros para a cativada, actividades creativas que ademais de ofrecer un espazo de lecer poden atraer a este mundo futuros profesionais. Deste xeito haberá dous obradoiros: un de decoración de pintura en impresión 3D para Nadal ás catro e media da tarde o sábado 27; e outro de elaboración de guirnaldas o domingo 28 ás 16:30h.

A maiores, os dous días, 27 e 28, haberá un espazo de xogo infantil para a cativada e sorteo dunha Cesta de Nadal ás seis e media da tarde. Este obsequio faino posible a asociación de comerciantes local.
Tamén, pensando nos máis pequenos e pequenas, o sábado 27 visitará a Feira de Nadal O Apalpador. Chegado dende as montañas do Courel fará unha ruada musical por Quiroga aproveitando a feira grande de decembro e rematará na carpa do Mercado de Nadal para contar contos e historias para toda a familia. De 12 a 14h.
Como complemento, e co obxecto de visibilizar tamén a artesanía, o domingo 28 haberá unha demostración de torneado de madeira de oliveira a cargo de Artesanía Armaior, un proxecto emprendedor quirogués que leva anos traballando este tipo de madeira para elaborar utensilios de cociña. Será de 12 a 14h.
E como non podía faltar a música, para amenizar o mercado chegará o domingo 28 a Quiroga a charanga tradicional Pándega. Farán un pequeno pasarrúas e rematarán na carpa da feira para poñerlle animación musical a comerciantes e clientes de 12 a 14h.