Con moita ilusión, asistencia e un amplo e atractivo abano de propostas para todos as idades esta tarde de 13 de decembro abría as súas portas o II Mercado de Navideño de Sobradelo (Carballeda de Valdeorras), que se desenvolverá ao longo desta fin de semana baixo o lema “Moito máis que un mercado: merca, crea e celebra o Nadal”.
Inclúe unha vintena de variados postos: dende produtos agroalimentarios de calidade, pasando por decoración, agasallo e prendas de vestir ata libros. E, arredor do mercadiño, desenvolveranse actividades dirixidas a todos os públicos.
“Visítanos Valdeorras e trátase de poñer en valor o pequeno e mediano comercio que é o que lle dá vida ás localidades da comarca. Estano pasando moi mal, están vivindo unha etapa con moitas dificultades coas vendas online, e a nosa obriga é fomentar a cercanía do comercio local, que eles poidan amosar os seus produtos”, dicía a alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, na apertura deste mercado, acompañada polo director xeral de Comercio, Gabriel Alén, cuxa presenza agradecía xa “co seu apoio é posible que un concello pequeno poida desenvolver esta actividade e axudar ao comercio”.

Pola súa banda, Alén destacaba a iniciativa do Concello de Carballeda de organizar este mercadiño. “Neste caso que un concello aglutine a comercios de toda a comarca de Valdeorras é un motivo de festa. O comercio e a experiencia de compra, na que podemos ver unha gran diversidade de produtos, supón unha actividade atractiva para os nosos cidadáns, polo tanto, hai que seguir poñendo en valor este comercio local. E facémolo por segunda vez en Carballeda de Valdeorras”. Ademais, Alén animaba a toda a cidadanía a asistir a este tipo de feiras, pero tamén “a asistir ao comercio a pé de rúa, pola importancia que supón para os nosos barrios, que sería deles se as tendas pecharan as súas persianas”.
Finalmente, Alén resaltaba a calidade do comercio existente en Valdeorras e á necesidade de seguir impulsando, ademais de destacar o “asociacionismo que existe co CCA do Barco e con AEVA para desenvolver o comercio de proximidade”.
Pola tarde tamén se servía chocolate con churros.

Nesa liña, Alén fixo fincapé na importancia deste tipo de eventos ás portas do Nadal, aproveitando un momento especialmente próspero para o tecido comercial. Recordou que esta mesma semana estivo tamén no Barco de Valdeorras, concienciando as novas xeracións sobre o consumo responsable, no marco do programa Infonadal e tamén co gallo destas datas.
Non faltarán as actividades infantís, como un obradoiro de títeres, ademais de ciclocontos e cantigas de Nadal, nin tampouco un concerto ás 23h. do sábado da man de Gin Toni’s.
Fotos: Carlos G. Hervella.

