A RúaConcellosÚltima horaVídeos

O III Son da Estación celebrarase o 8 de agosto na Rúa, precedido por un novo festival de sons urbanos

 

Na Estación de Tren A Rúa-Petín, o icónico espazo rués que dá nome ao festival, presentábase na mañá deste mércores 8 de xullo a terceira edición de O Son da Estación, precedido nesta ocasión por un novo festival de sons urbanos, ambos os dous patrocinados pola Axencia de Turismo de Galicia, a través dos Concertos do Xacobeo.

 

 

 

A cita será o sábado 8 de agosto na praza da Estación, convertido xa nun festival consolidado, tal como indica o promotor do festival Jorge Álvarez. “É un auténtico luxo para Valdeorras ter un evento destas caraterísticas con artistas galegos consolidados e con entrada gratuíta”, dixo, asegurando que este ano “ten que ser o bo”, lembrando a tormenta da primeira edición, e os terribles incendios da segunda que obrigaban a aprazalo ata o mes de outubro”.

 

 

No apartado artístico, esta terceira edición conta con Baiuca como cabeza de cartel, “probablemente o pioneiro en mesturar os sons tradicionais coa electrónica, que vén cunha proposta en directo coa banda completa, con seis músicos e efectos visuais, será sen dúbida un concerto espectular na súa primeira vez en Valdeorras”, conta Jorge. Tamén forma parte do cartel Nadadora, unha banda refente no indie nacional nos anos 2000, pararon e tras quince anos retomaron as actuacións neste 2026. “Van facer moi poucos concertos este ano e A Rúa será un deles, para presentar o seu novo disco”, di Jorge, explicando que completando o cartel está Luis Fercan un dos máximos expoñentes da música de autor en Galicia con moita repercusión en España e Latinoamérica que acaba de sacar disco e chegará á Rúa coa banda completa. E poñendo a guinda, co talento local que sempre teñén en conta, seguindo a estela de Abertal e Green Angels, estará Navegando a Barlovento, unha das bandas con máis traxectoria con case vinte anos en Valdeorras. Para finalizar e facer bailar entre os artistas estará KillVir Dj veciña de León. “Un cartel moi completo, dinámico, para todos os públicos e de luxo”.

 

 

No acto, o director da Axencia de Turismo de Galicia, Xosé M. Merelles, destaca a súa satisfacción como rués presentar a terceira edición deste festival que se consolida, grazas tamén a “Ton y Son que permite traer a artistas como Baiuca, un dos referentes da música galega ao que tiven a ocasión de escoitar xunto a Carlos Ares e ten unha gran proxección”. Do festival, Merelles destaca a inmellorable evolución artística cos cabezas de cartel con The Rapants na primeira edición, Carlos Ares na segunda e Baiuca neste completándose co resto de artistas que van atraer moito público. Tamén destaca o público que se achega, cada vez máis numeroso o de fóra de Valdeorras o que “vén a consolidar o obxectivo destes festivais que é fundamentalmente completar esa oferta turística nos concellos”, dixo, lembrando que o ano pasado patrocinaron 180 eventos en toda Galicia nos que participaron “máis dun millón e medio de persoas”.

 

 

Merelles amosouse especialmente contento de presentar o cartel que con tanto celo gardaban, e que este ano inclúe outra proposta para os máis xoves, Sons Urbanos, que se celebrará o día anterior, venres 7 de agosto, tamén na praza da Estación, con 9louro “unha sensación neste momento”, Kid Mount, Kike Varela e Mela, artista local.

 

 

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por situar a comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo. Entre os eventos máis destacados da edición 2026 figuran festivais de proxección internacional como O Son do Camiño, Resurrection Fest, PortAmérica, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, Bigsound Pontevedra ou o Gozo Festival. Xunto a eles, tamén medran e se consolidaron propostas máis próximas e alternativas como Underfest Xacobeo, Noites do Porto, SilFest, Costa Feira, Galicia Fest, Jaleo! ou Ou Yeah!

 

 

Pola súa banda, a alcaldesa da Rúa, María G. Albert, recoñeceu que ela inclínase polo cartel do Son da Estación “pero as miñas sobriñas estarán moi contentas do festival que celebrará o día da feira”. Dous eventos que dixo, “poñen o colofón a toda a actividade festiva que organizamos durante o verán na Rúa”, falando do Verán Cultural, no que contan cunha “programación amplísima” que arranca esta fin de semana co CarnaVrao e rematará polo San Roque a finais de agosto.

 

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.
Vídeos: Mónica G. Bellver

Back to top button