
Trives estréase mañá no Programa Exeria, o proxecto de atención e asesoramento a mulleres en situación de especial vulnerabilidade posto en marcha polos concellos de Barbadás, A Pobra de Trives e Ramirás co financiamento da Xunta de Galicia e dos Fondos Europeos. O Auditorio Julio Vázquez acollerá ás 11, 30 horas un encontro sobre o impacto do deporte na vida das mulleres. A charla estará dirixida por profesionais, pero haberá espazo para debater e conversar entre todas as asistentes, fomentando así a participación activa das mulleres.
A través dun convenio de colaboración, os tres concellos levarán a cabo ata o mes de setembro accións de atención e apoderamento das mulleres. O programa arrancou o pasado 19 de xuño en Barbadás, coa presentación do libro “Hijas del hormigón” por parte da súa autora, a politóloga e investigadora social Aida Dos Santos.
O programa
Exeria está dirixido a mulleres vítimas de violencia de xénero, explotación sexual-laboral, migrantes, refuxiadas, dependentes do consumo de substancias tóxicas, mulleres en risco de exclusión social por motivos económicos, reclusas ou exreclusas, transexuais, mulleres con diversidade funcional, enfermidade mental ou embarazadas e lactantes sen apoio familiar e recursos.
O programa pivota no asesoramento xurídico, psicolóxico e laboral, a formación, os obradoiros e os espazos seguros para mellorar a calidade de vida das mulleres con accións innovadoras no ámbito da autoestima, o apoderamento, a inserción laboral e a información sobre dereitos. O obxectivo é promover a participación social, cultural e política das participantes, facilitarlles unha atención integral e gratuíta, contribuír á súa autoestima.
